miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Pomar visita as obras de ampliación do CEIP Lamas de Abade

Pomar visita as obras de ampliación do CEIP Lamas de Abade
Pomar visita as obras de ampliación do CEIP Lamas de Abade

A ampliación conta cun orzamento de máis de 1,1 millóns de euros

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, comprobou onte o avance das obras de ampliación do CEIP Lamas de Abade, que inclúen a construción dun novo edificio para 150 alumnas e alumnos. O obxectivo é que os traballos, que contan cun orzamento de 1.160.653,78 €, estean rematados para o inicio do novo curso escolar. Durante a visita a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo.

A nova edificación, destinada a aulario de Infantil, contará cunha superficie total construída de 831,7 metros cadrados, con 6 aulas con aseo no seu interior, unha sala de usos múltiples, unha aula de apoio educativo, unha aula exterior e un patio cuberto, así como con distintas salas de usos tanto administrativos como para as instalacións, almacenaxe e limpeza.

Para conectar o novo edificio co actual, a actuación inclúe a construción dunha pasarela acristalada, polo que haberá que abrir o pertinente oco na fachada existente para a instalación dunha porta de paso entre ambos espazos, así como reestruturar unha das aulas da planta baixa para xerar un novo corredor de acceso á pasarela. 

Ademais prevese a instalación dun novo ascensor no edificio xa existente, a ampliación da zona cuberta do patio e a conexión do novo aulario co parque infantil e co patio cuberto a través de ramplas e escaleiras.

Durante a súa visita ao centro Carmen Pomar expresou o seu desexo de que a ampliación permita a expansión deste centro, moi activo entre os composteláns, que desenvolve tanto os contratos-programa como o Plan Proxecta e o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Comentarios
Lo más