miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Demandan unha mellora da imaxe da Alameda compostelana

Demandan unha mellora da imaxe da Alameda compostelana
Demandan unha mellora da imaxe da Alameda compostelana

O grupo que dirixe Agustín Hernández considera que o anterior Goberno dedicou “máis tempo e esforzo a propoñer ideas peregrinas e decorativas” que a traballar para recuperar, como merece, un dos sitios máis visitados de Santiago

O Grupo Municipal Popular lémbralle a o Goberno de Sánchez Bugallo a necesidade de “non deixar pasar máis tempo sen poñer en valor a Alameda santiaguesa, que leva catro anos de abandono”. Este espazo é un dos lugares máis emblemáticos da capital de Galicia.

O grupo que dirixe Agustín Hernández considera que este parque ten sufrido catro anos de desleixo por parte do anterior Goberno, que dedicou “máis tempo e esforzo a propoñer ideas peregrinas e decorativas que a traballar para recuperar, como merece, un do sitios máis visitados de Santiago”.

Para os Populares, é imprescindible que se retome a promesa de poñer en marcha o Plan Director, do que, ata o de agora, nada se sabe a pesar de que xa estaba comprometido nos orzamentos do ano 2017 do Consorcio, pero, lamentablemente, o anterior Executivo decidiu gastar eses cartos noutros asuntos.

O Grupo Municipal Popular insiste ao Grupo de Goberno que proceda a arranxar os distintos aspectos que se están deteriorando, cada vez máis, co paso do tempo, como son os forxados existentes; o estado de distintas especies vexetais; a herba dos xardíns; o mobiliario urbano, o muro cara a rúa do Pombal; e o firme de moitas zona deste espazo verde compostelá, o que está a supoñer un perigo para a xente maior que emprega este parque para os seus paseos diarios. 

Tamén preguntan os Populares sobre a continuidade do proxecto de ampliación do Paseo Literario da Alameda, que está a espera de ampliar novos textos e novos autores de importante recoñecemento universal, que teñan reflectido na súa obra unha visión propia e orixinal da cidade de Santiago de Compostela. 

A idea era facer que o patrimonio inmaterial que é a literatura se materializara neste espazo para que a veciñanza e as persoas que nos visitan sexan partícipes da importancia de Santiago na historia cultural europea.

RÚA DO POMBAL

Así mesmo e atendendo a outras situación da contorna da Alameda, o Grupo municipal Popular pregúntalle ao Goberno de Sánchez Bugallo sobre a súa planificación en relación unha das promesas electorais socialistas, nas que aseguraban que solucionarían os problemas denunciados polos veciños na rúa do Pombal. 

A necesidade destes arranxos tamén foi protagonista de varias iniciativas o Partido Popular, xa que esta vía precisa unha urxente mellora, posto que se atopa tamén moi deteriorada, o que supón un importante prexuízo tanto para os peóns como para os vehículos que transitan por este área. 

Cabe lembrar que existe un claro malestar entre os veciños e donos de establecementos hostaleiros que xa veñen denunciando o deixamento do Concello dende hai tempo, posto que o anterior Goberno non acometeu ningunha actuación que supuxera unha mellora na zona santiaguesa. 

Nesta vía, os peóns atópanse con chanzos rotos, que afectan a súa seguridade e con herbas e fentos en case todo o trazado e que estreitan a vía reducindo a visibilidade, o que supón un grave risco para os viandantes. 

O Grupo Popular considera que é indispensable arranxar o firme desta rúa, que se atopa en moi mal estado, polo que os veciños teñen que soportar as fortes vibración que provoca o tráfico. Ademais, da necesidade dun estudo para reducir a velocidade dos vehículos, co fin de mellorar a seguridade da zona.

Comentarios
Lo más