miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A frota pesqueira de Porto do Son xa dispón de dous novos pantaláns con 50 prazas

A frota pesqueira de Porto do Son xa dispón de dous novos pantaláns con 50 prazas
A frota pesqueira de Porto do Son xa dispón de dous novos pantaláns con 50 prazas

A Consellería do Mar investiu nestas obras preto de 500.000 euros co obxectivo de facilitar o traballo do sector e as operacións no peirao

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta semana o peirao de Porto do Son para comprobar o resultado das obras de mellora das zonas de atraque, que supuxeron a instalación de dous novos pantaláns con 50 prazas para barcos pesqueiros de grandes dimensións. As actuacións, que contaron cun investimento de preto de 500.000 euros, pretenden ofrecer espazo de amarre a 49 barcos de entre 6 e 16 metros de eslora e unha praza máis para a embarcación de salvamento marítimo.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, asegurou que a Xunta aposta polo crecemento do sector pesqueiro de Porto do Son e que por iso decidiu acometer este proxecto para a mellora das súas infraestruturas portuarias. A obra dos novos pantaláns facilita as operacións dentro do peirao e permite diferenciar mellor as zonas de atraque dos buques pesqueiros e das embarcacións de recreo.

A representante do Executivo galego salientou ademais que a Consellería do Mar ten en marcha outros proxectos importantes nesta localidade como o acondicionamento do bordo portuario, unha obra “coa que buscamos seguir mellorando as infraestruturas de Porto do Son”. Esta actuación atópase na fase de licitación, conta cun investimento previsto de case cinco millóns de euros e o obxectivo é que poida estar rematada no ano 2021.

“Con isto esperamos lograr que a relación porto-vila favoreza a xeración de riqueza e emprego, algo que queremos acadar en todas as instalacións portuarias de titularidade autonómica”, explicou Rosa Quintana en referencia á aposta da Xunta por impulsar a carga e descarga de mercadorías e a actividade náutico-recreativa e deportiva.

ACTIVIDADE PESQUEIRA

Precisamente, no que se refire aos produtos do mar, o peirao de Porto do Son rexistrou un importante aumento das descargas nos últimos anos, ao pasar de cifras inferiores ás 100 toneladas na maioría dos exercicios ata 2015 a superar as 880 o ano pasado, o segundo mellor dato da última década. No que se refire aos ingresos, os preto de 1,3 millóns facturados en 2018 son a mellor cifra dos últimos dez anos e supoñen culminar unha senda de tres anos seguidos de crecemento. 

Comentarios
Lo más