miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Reclaman ao Goberno de Sánchez Bugallo axilidade para a posta en marcha do Smartiago

Reclaman ao Goberno de Sánchez Bugallo axilidade para a posta en marcha do Smartiago
Reclaman ao Goberno de Sánchez Bugallo axilidade para a posta en marcha do Smartiago

O equipo que dirixe Agustín Hernández manifesta a súa preocupación, porque un dos maiores problemas que se presenta agora é que o executivo socialista ten que executar un investimento de 100.000 euros antes de que remate este 2019

O Grupo Municipal Popular insta ao Goberno de Sánchez Bugallo a que proceda, coa maior axilidade posible, a poñer en marcha o Smartiago, que, cando so quedan 24 meses para que teña que estar rematada a primeira fase, nin sequera se adxudicou a súa oficina técnica, instrumento imprescindible para avanzar en dito proxecto. Sinalar que o prazo de execución é de 4 anos, polo que a súa finalización está prevista para o 3 de novembro de 2021.

O equipo que dirixe Agustín Hernández manifesta a súa preocupación, porque un dos maiores problemas que se presenta agora é que o Executivo socialista ten que executar en innovación tecnolóxica un investimento de 100.000 euros antes de que remate este 2019, cantidade que terá que xustificar ante a Xunta de Galicia, posto que dita aportación é o resultado do convenio asinado coa Administración autonómica para o desenvolvemento deste proxecto. 

Os Populares remarcan que dito gasto non pode ser empregado de forma arbitraria, senón que ten que dedicarse aos obxectivos do proxecto aprobado no seu día, que se centran en tres eixos públicos fundamentais como son os de lixo e limpeza viaria; o de mobilidade e o de alumeado público. Cabe sinalar que, na actualidade, o Concello de Santiago presta dous de ditos servizos en precario, posto que ambos se atopan sen contrato.

Por este motivo, o Grupo Municipal Popular tamén lle require ao Goberno de Sánchez Bugallo que adecúe os resultados do Smartiago á futura licitación dos contratos de recollida de lixo e de mobilidade, polo que os pregos deberán contemplar medidas innovadoras.

ORZAMENTO EN PRAZOS

Indicar ademais que o orzamento total deste proxecto está dividido en distintas fases, polo que o incumprimento da primeira delas comprometería as restantes, co que podería supoñer a desaparición do Smartiago.

Así, no caso de que non dea tempo a facer dito investimento, situación bastante probable posto que so quedan 4 meses para chegar a final de ano, os fondos do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, uns 12 millóns de euros, financiados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), poden verse seriamente comprometidos. 

Este instrumento, que foi impulsado polo Partido Popular cando ostentaba a alcaldía de Santiago, ten como obxectivo principal a mellora dos servizos públicos de Santiago. Así, este proxecto, incluído no marco do Programa Operativo de Crecemento intelixente (POCint), busca a resolución e mellora da eficiencia nos servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local, mediante a contratación pública de innovación.

Está situación de urxencia que agora se presenta ven derivada do anterior Goberno municipal, que amosou desde sempre un total desleixo á hora de sacar proxectos adianta. O Grupo Popular vén advertindo desde o primeiro momento da paralización deste proxecto.

Comentarios
Lo más