Fortes críticas do BNG ao prego dos comedores escolares
Considera esencial a separación en lotes diferentes de alimentación e proxecto educativo porque son funcións distintas
O Bloque Nacionalista Galego de Santiago diante dos novos pregos para adxudicar o servizo de comedores escolares considera que é un "parche" que demostra a "falta de proxecto" do Partido Socialista de Santiago. Existe un traballo previo realizado polas ANPA que non se ten en conta mais que moi parcialmente. É verdade que se sinala unha distancia máxima para elaborar os menús , mais esta distancia – marcada en 180 km - faría posible que se realizasen en cociñas en Barreiros, na Mariña luguesa ou mesmo en Viana do Castelo, en Portugal.
O Partido Socialista era coñecedor dos conflictos cos comedores escolares nos últimos anos e das propostas das familias para superar a situación. Mesmo admitindo que ésta debe ser unha competencia da Xunta, mentres isto non sexa así o Concello debe definir un modelo con cociña de proximidade cunha distancia inferior de 50km ao colexio e en que a elaboración das comidas se prepare na mesma mañá en que se van consumir.
Administrativamente é factible que este concurso se realice en dous lotes e non nun único contrato que sempre favorece a concorrencia de empresas multinacionais. Deste xeito, deberan ir separadas por un lado a elaboración e transporte especial de alimentos e por outro o servizo de monitores e monitoras, de atención ás persoas usuarias e crianzas con persoal especializado. Isto serve tanto para delimitar funcións que son específicas e claramente diferentes como para favorecer o tecido empresarial local e comarcal.
Por outra parte desde o BNG botan en falta coñecer, debater e constatar o modelo educativo do Partido Socialista que en declaracións da concelleira responsable van definir ao longo de nove meses. A portavoz municipal do BNG Goretti Sanmartín xulga que “existe un modelo que se pode implantar xa, aquel que levan anos solicitando as ANPA e que parte de estandares de calidade de aposta pola proximidade e camiña cara á elaboración das comidas en cada centro educativo.Nese sentido reclamamos que cando menos haxa unha experiencia piloto nalgún dos centros que atinxen estes pregos”.