Os populares esixen a Bugallo a gratuidade para mozos e mozas ata os 19 anos no transporte urbano
Cabe lembrar que xa no 2016, o equipo que dirixe Agustín Hernández presentara unha moción no Pleno, na que se instaba o Executivo municipal a poñer en marcha dita proposta, como xa ten en funcionamento a Xunta de Galicia no transporte metropolitano
O Grupo Municipal do Partido Popular reclámalle ao Goberno de Sánchez Bugallo que aplique no transporte urbano de Santiago a gratuidade para os mozos e as mozas de ata 19 anos inclusive.
Cabe lembrar que xa no 2016, o equipo que dirixe Agustín Hernández presentara unha moción no Pleno na que se instaba o Executivo municipal a poñer en marcha dita proposta como xa ten en marcha a Xunta de Galicia no transporte metropolitano.
Co cambio de Goberno na alcaldía santiaguesa e ante o inminente inicio de curso académico, os Populares consideran que é un momento óptimo para executar unha fórmula que é reflexo dun acordo plenario e que supón unha mellora importante para moitas familias, posto que serían máis de 10.000 rapaces os que se beneficiarían da mesma.
Esta iniciativa é de gran relevancia, non so polo aforro para os petos dos veciños, senón porque serve para inculcar valores importantes na xente nova como é o uso do transporte público, cuestión esta que incide tamén na protección do medio ambiente, xa que reduciría o número de viaxes en vehículos privados que se fan ao longo dunha xornada no centro e contorna da cidade.
O Grupo Municipal Popular reitera que o custe de executar esta medida de carácter social é totalmente asumible para o erario municipal, polo que non hai escusa para que se implante este sistema.
Así mesmo, o PP insiste en que, ademais de aplicala de forma inmediata, o Goberno de Sánchez Bugallo tería que incluíla dentro das cláusulas do novo contrato do servizo de transporte urbano municipal que ten que ser licitado na maior brevidade.
Lembramos tamén que o Grupo Municipal Popular xa presentou, no primeiro Pleno ordinario desta lexislatura, unha proposición para que se leve a cabo a revisión e información pública do proceso de licitación do servizo de transporte urbano municipal, un servizo que se mantén operativo nunhas condicións precarias e deficientes; sen contrato, cunha insatisfactoria retribución ao concesionario; cunha rede cuxo deseño básico de hai xa moitos anos e cunha flota de vellos autobuses, polo que se fai necesario proceder, canto antes, a licitación do novo servizo.
Para os Populares, o novo Goberno debería facer todo o posible para abandonar o desleixo do anterior Executivo e traballar para acadar unha cidade máis moderna a e amigable para os seus veciños.