Noia despide aos seis mozos que participarán esta semana no 21º Campionato Mundial de Taekwondo ITF
A competición desenvolverase entre os días 24 e 26 de agosto en Kolodruma (Bulgaria)
O alcalde do Concello de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, participaron o luns na despedida dos seis mozos e mozas do Club ITF Noia que participarán esta semana no 21º Campionato Mundial de Taekwondo ITF. A competición celebrarase entre os días 24 e 26 de agosto en Kolodruma- Plovdiv (Bulgaria) e nela participarán máis de 1.000 deportistas procedentes de preto de 100 países.
“Para nós é todo un orgullo ver como Noia segue a ser un referente no eido do deporte a nivel internacional”, indicou o rexedor. A edil Laura Salgado amosouse tamén moi satisfeita por contar entre a veciñanza con “futuras promesas deportivas como estes 6 rapaces e rapazas que levarán o nome da nosa vila a unha competición de carácter internacional”. Ambos os dous representantes municipais aproveitaron o encontro coa mocidade participante para desexarlles a mellor das sortes no campionato.
Acompañados polo seu adestrador, Antonio Blanco, e como membros da selección española, os seis mozos e mozas do Club ITF Noia conseguiron as súas prazas o pasado mes de novembro no campionato desenvolvido en Alxeciras. Logo dunha intensa tempada de competicións, completaron a súa preparación cos entrenos deste verán.