Unha tixola esquecida na cociña provoca un incendio nunha vivenda de Vilagarcía
Ás 23:15 horas, os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada dun particular informando dun incendio no primeiro piso dun edificio do concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa
Un descoido na cociña dun inmoble provocou un incendio na vivenda e obrigou a trasladar a unha persoa na noite pasada a causa dunha posible intoxicación por inhalación de fume. Segundo puido saber o 112 Galicia, o lume empezou por mor dunha tixola deixada ao lume.
Ás 23:15 horas, os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada dun particular informando dun incendio no primeiro piso dun edificio do concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. No seu relato, o alertante indicaba que as escaleiras do inmoble estaban tomadas polo fume e que podía haber persoas afectadas.
Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE), solicitouse a intervención dos Bombeiros e do GES de Vilagarcía, dos profesionais de Urgencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Nacional e Local e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez no lugar dos feitos, os membros de Protección Civil confirmaron que un dos ocupantes da vivenda tivo que ser evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia por inhalación de fume. O Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento procedeu a ventilar a vivenda e confirmou que ardeu a campá extractora da cociña.