O III Trofeo Portus Apostoli trae a Noia fútbol sala de primeira división
O equipo local xoga fronte ao Palma Futsal este mércores 21 a partir das 20:30 horas no pavillón Agustín Mourís
O Concello de Noia acolleu a primeira hora da tarde de onte a presentación do III Trofeo Portus Apostoli de fútbol sala, que se disputa este mércores 21 de agosto no polideportivo municipal Agustín Mourís a partir das 20:30 horas. Na competición o equipo local Noia Portus Apostoli medirase contra o Palma Futsal. O equipo balear compite na primeira división da Liga Nacional de Fútbol Sala e rematou a pasada tempada entre os cinco primeiros clasificados.
No acto de presentación, o alcalde de Noia, Santiago Freire, fixo un chamamento a que toda a poboación acuda a animar o equipo porque “non é habitual nunha localidade como a nosa poder ver xogar un equipo coa traxectoria do Palma Futsal, teremos a oportunidade de ver un magnífico espectáculo deportivo”. O rexedor destacou que o trofeo xa está consolidado nesta terceira edición e contribúe decisivamente a crear afección.
Freire aproveitou para felicitar o club noiés pola súa evolución nos últimos anos e para desexarlle moito éxito na nova tempada. “Estamos moi orgullosos do voso traballo, que permitiu a permanencia na categoría, e de como levades o nome de Noia polo mundo adiante”, declarou o alcalde, á vez que ofreceu a disposición do Concello a colaborar co equipo en todo o que sexa posible.
Javier Barreiro, director deportivo do Noia Portus Apostoli, corroborou que no partido deste mércores o público poderá ver xogar “un dos mellores equipos de fútbol sala de todo o mundo”, o que constitúe un feito excepcional nun municipio de 15.000 habitantes. Barreiro agradeceu a colaboración do Concello e dos patrocinadores da entidade, así como o traballo da directiva, do plantel de xogadores e do corpo técnico.
Tras a presentación, na que tamén participaron a concelleira de Deportes, Laura Salgado e o presidente do club, Severino Barreiro, o alcalde guiou os integrantes do equipo, boa parte deles doutros lugares de Galicia e doutros puntos de España, nunha visita por dependencias municipais. Santiago Freire explicoulles as principais características socioeconómicas do municipio así como algúns dos principais puntos de interese turístico da vila e a súa relevancia histórica.