Hernández pide a Bugallo que faga pública a programación da VIII Edición do CorreSan
O CorreSan naceu co propósito de que fose un evento deportivo permanente na cidade e, polo tanto, debe ser programado co tempo suficiente para que os atletas puidesen organizalo no seu calendario de carreiras ou mesmo facelo coincidir con viaxes de ocio e turismo a Santiago
O Circuíto de Carreiras Saudables de Santiago CorreSan, nado no ano 2012 baixo o Goberno do Partido Popular, aínda non ten calendario para a súa VIII edición. Esta proba xa lle costou “saír viva” do mandato anterior, posto que sufriu numerosos cambios.
Cando parecía que o feito de ter unha concelleira de Deportes especializada nesta disciplina sería beneficioso para a proba, atopámonos con que so quedan catro meses para rematar o ano e o CorreSan segue sen ter datas para celebrarse.
O CorreSan naceu co propósito de que fose un evento deportivo permanente na cidade e, polo tanto, debe ser programado co tempo suficiente para que os atletas, profesionais e afeccionados, poidan organizalo no seu calendario de carreiras ou mesmo facelo coincidir con viaxes de ocio e turismo a Santiago.
No mandato anterior, a programación deportiva tamén se veu afectada polo “grao de improvisación e caos que tinxiu toda a súa política”, polo que o CorreSan non acadou a “estabilidade e planificación” que demanda un evento destas características, perdendo participación.
Por todo isto, o Grupo Municipal Popular insta ao Goberno do PSdG, en particular apelando á condición de atleta da Concelleira de Deportes, a que publique a programación da VIII Edición do CorreSan e, de non tela organizada, que lle dea impulso á súa elaboración.
Cabe subliñar que se trata dun evento deportivo que retorna numerosos efectos beneficiosos para a cidade e para os santiagueses como son o ocio, a saúde, o deporte e o turismo, polo que o Grupo Municipal Popular requírelle ao Goberno que, de forma urxente, planifique as datas nos que sen ten que celebrar o CorreSan e deixe de infravalorar este tipo de acontecementos, sobre os que debería proxectar especial sensibilidade e dedicación.