miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os mozos galegos sofren máis desemprego, máis temporalidade e menores salarios

Os mozos galegos sofren máis desemprego, máis temporalidade e menores salarios
Os mozos galegos sofren máis desemprego, máis temporalidade e menores salarios

A temporalidade entre as persoas máis mozas xa é do 50,2% e máis do 22,5% soportan contratos a tempo parcial. A brecha salarial acada o 21,6% froito da precariedade e parcialidade

As mozas e os mozos galegos, a pesar do seu bo nivel formativo, soportan taxas de paro superiores ao resto da poboación, fortísimas perdas de poboación activa polo efecto desánimo, altas taxas de parcialidade e temporalidade e salarios moito máis baixos. Isto conduce a unha situación de vulnerabilidade que urxe corrixir co fin de consolidar un mercado laboral máis xusto para todos e todas, áxil e eficiente. Sobre todo, nun contexto de crecemento económico, é necesario que este chegue a todos e todas, incluídas as persoas máis mozas que, finalmente, son o futuro do país e as que marcarán o rumbo do mercado laboral de cara aos vindeiros anos.

Estas son as principais conclusións do informe realizado pola Secretaría de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia sobre o mercado laboral das persoas máis mozas en Galicia, con motivo da celebración hoxe, día 12 de agosto, do Día internacional da xuventude.

BAIXA O PARO EN 10.700 MOZOS E MOZAS PERO BAIXA A POBOACIÓN ACTIVA EN 11.400 MENORES DE 35 ANOS

Entrando de cheo no informe, que está elaborado en base aos datos da EPA do segundo trimestre de 2019, en comparación co mesmo período do ano 2018, constátase unha diminución do desemprego entre as persoas máis mozas (menores de 35 anos) en 10.700 persoas no último ano, aínda que este dato, que nun principio debería ser positivo, queda matizado e totalmente absorbido pola alarmante perda de poboación activa neste mesmo período e nesta mesma franxa de idade, en 11.400 persoas menos.

Así, a baixada a poboación activa nesta franxa de idade aínda é superior á baixada do desemprego, o que amosa que non hai lugar a celebración nin positivismo de ningún tipo.

A TAXA DE PARO XUVENIL É DO 16%, 4,7 PUNTOS SUPERIOR AO RESTO DE IDADES

O informe arroxa unha realidade certamente preocupante cunha taxa de paro xuvenil en Galicia do 16%, 4,7 puntos superior ao do resto da poboación, e unha taxa de actividade que se contrae nun punto e seis décimas no último ano, pasando do 62,2 por cento no 2018 ao 60,7 por cento actual.

Esta perda de actividade entre a mocidade está relacionada, non só co envellecemento da poboación, senón tamén co efecto desánimo das mozas e dos mozos galegos que, vendo poucas perspectivas de emprego, deciden continuar formándose retomando os seus estudos ou optar pola emigración cara outros contextos con maiores oportunidades.

Dende UGT-Galicia insístese en que esta realidade, a relación que existe entre a baixada do desemprego e a perda de de poboación activa, é obviada sistematicamente polo Goberno galego cando publicita os datos mes a mes do desemprego en Galicia.

Ademais, aínda que o desemprego diminúa, non se pode esquecer a lacra do paro de longa duración, é dicir, aquelas persoas que levan máis dun ano no paro. En Galicia o 28% das persoas desempregadas menores de 35 anos xa están nesta situación.

O 24,4% DAS PERSOAS DESEMPREGADAS MENORES DE 30 ANOS TEÑEN EDUCACIÓN SUPERIOR

Preocupa un dato que arroxan as estatísticas. O 24,4% por cento das persoas desempregadas menores de 30 anos no Estado teñen educación superior (non existen datos a nivel de Galicia), subindo en relación ao ano anterior, cando era un 22,2. Era coñecido que a menor nivel formativo as dificultades para acceder ao mercado laboral tamén eran maiores, de feito esta taxa aumenta ata o 35,1% no caso daqueles que teñen, como moito, a primeira etapa de educación secundaria ou similar.

Por sectores, o 73,8% dos e das menores de 35 anos atópanse no sector servizos, caracterizado por unha maior precariedade.

Outro dato que subliña o estudo é que o 85,3% das mozas e dos mozos galegos están afiliados ao réxime xeral e o 11,7% ao de autónomos. Neste último caso, constátase unha baixada de case un punto de persoas menores de 35 anos nun ano, a pesar de que unha gran parte dos incentivos, axudas e subvencións das administracións van dirixidas ao fomento deste tipo de emprego. Para UGT-Galicia, é evidente que basear as políticas activas de emprego nestes termos non é garantía de dinamización do mercado laboral.

O 31,7% DAS PERSOAS MENORES DE ENTRE 20 E 24 ANOS TEÑEN CONTRATO A TEMPO PARCIAL

Unha análise da contratación das mozas e dos mozos galegos evidencia que o 22,5% dos menores de 35 anos teñen contratos a tempo parcial, fronte ao 14,5% do conxunto de idades e o 54,8% din que teñen este tipo de contrato porque non foron capaces de atopar un traballo a xornada completa (este último dato do Estado porque non existe a nivel de Galicia).

É evidente que a parcialidade leva consigo máis precariedade, xa que supón menos xornada e, polo tanto salario, sobre todo cando esta é involuntaria.

Para UGT-Galicia, a temporalidade é un desequilibrio básico do mercado de traballo, xa que a maioría da xuventude, para acceder ao emprego, o fai por medio da contratación temporal, sendo alarmante que isto estea asumido pola sociedade como algo normal.

Ante este problema, que xa é estrutural, as administracións dedicáronse a desenvolver políticas baseadas en incentivar a contratación de carácter indefinido, con axudas á contratación totalmente ineficaces.

A TAXA DE TEMPORALIDADE ENTRE AS PERSOAS MÁIS MOZAS XA É DE CASE 51 PUNTOS

As persoas menores de 35 anos teñen unha taxa de temporalidade en Galicia do 50,2% por cento, fronte ao 26,7% por cento que se rexistra no conxunto de idades.

O 31,8% DAS PERSOAS MENORES DE 30 ANOS TEÑEN UN CONTRATO CUNHA DURACIÓN INFERIOR A SEIS MESES

A duración dos contratos é outra das grandes lacras do mercado laboral xuvenil. O 31,8% das persoas menores de 30 anos (dato estatal, non existe en Galicia) teñen un contrato cunha duración inferior a seis meses e un 46,1% descoñece a duración da súa contratación. Isto amosa unha gran vulnerabilidade para este colectivo.

Tamén se constata que a xuventude realiza un maior número de horas extraordinarias que o resto da poboación, un 7,9%, fronte a un 6,5%, a pesar de ter un maior número de contratos a tempo parcial. A isto hai que engadirlle que se se analiza o número de persoas que realizan horas extras, o 29% son menores de 35 anos.

OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DE 25 A 34 ANOS PERCIBEN SALARIOS UN 21,6% INFERIORES

Ao final, todas estas variables tradúcense en precariedade laboral e en salarios máis baixos. De feito, as mozas e os mozos galegos, entre 25 e 34 anos, perciben salarios un 21,6% inferiores ao resto de idades.

Ademais, entre o 2010 e o 2017 (último dato dispoñible) as persoas entre 25 e 34 anos viron reducido o seu salario nun 3,5%, mentres que no conxunto de idades neste mesmo período medrou o 6,7%.


Comentarios
Lo más