Dúas persoas feridas, unha delas grave e excarcerada, tras colidir dous turismos en Arzúa
Ao fío das 20:15 horas, un particular alertou ao 112 Galicia do accidente
Dúas persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, tras colidir dous turismos que circulaban pola estrada que une Santiago e Lugo, a N-547, moi preto da parroquia de Boente.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Arzúa nada mais ser alertados polo 112 Galicia, que tiveron que excarcerar a un dos feridos tras quedar atrapado no interior dun dos turismos. Así mesmo, para evacuar ao outro ferido e pese a que non estaba atrapado, foi necesaria a intervención dos profesionais de extinción, que sacaron á persoa pola parte de atrás do vehículo. Segundo concretaron os Bombeiros ao 112 Galicia, o ocupante do outro vehículo implicado resultou ileso.
Ao fío das 20:15 horas, un particular alertou ao 112 Galicia do accidente. No seu relato indicaba que parecía ser grave e, a partir de aí, informouse ademais de aos servizos sanitarios e aos Bombeiros, aos axentes de Tráfico, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Ademais, debido á gravidade da situación, os sanitarios confirmaron ao 112 Galicia da saída dun helicóptero medicalizado.
A intervención do persoal do servizo de limpeza e mantemento da vía tamén foi requirida polo 112 Galicia.