Corrubedo vive as súas festas esta fin de semana
As festas comezarán o venres 9 ás 12 do mediodía coa misa solemne na honra da Virxe do Perpetuo Socorro
Como é tradicional, nesta segunda fin de semana de agosto a parroquia de Corrubedo vai celebrar as súas festas de verán: unha festividade na que este ano o Concello vai implicarse de forma máis participativa no seu calendario do que é habitual ata o punto de encargarse da organización dos eventos lúdicos correspondentes ao sábado.
A cita foi presentada esta semana no consistorio pola concelleira de Cultura María Sampedro; Abdón Santos en representación da entidade Kurrala Rock; Antonio Freire como presidente da asociación Corrubedo XI Séculos; e José Francisco Parente Martínez, un colaborador que se involucrou activamente para poder sacar adiante este cartel.
Así, as festas comezarán o venres 9 ás 12 do mediodía coa misa solemne na honra da Virxe do Perpetuo Socorro para dar paso a continuación a un grupo de actividades promovidas polo Kurrala Rock: trátase do chamado “Día das Peñas” no que —informou Abdón Santos– xa están inscritos preto de 300 participantes e que constará de xogos populares como tira de corda, carreiras de sacos, etc… estará amenizado pola charanga Mil9, mentres que pola noite terá lugar o debut da rapeira Decora, de 16 anos de idade; e as actuacións do grupo Chocolate con Churros e da orquestra riveirense Platinum. Pechará a xornada a Discomóvil Chocolate.
O sábado arrancará coa misa solemne na honra da Virxe do Cabo. De 16 a 19 horas haberá unha sesión de paddle surf e kayak na praia do porto por cortesía da escola local Grip Surf School. Pola noite e a iniciativa do Concello tocará o grupo Lume coa actuación estelar de Miguel Torres, moi aprezado pola xente maior que debutou en 1962 e formou parte de elencos como as orquestras Poceiro e Compostela. Pensando na xente moza, concluirase coa actuación de Planet Discomóvil con DJ Kiber.
Por último, a asociación Corrubedo XI Séculos será a encargada xunto coa parroquia de organizar a tradicional misa solemne do domingo na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. A liturxia do mediodía estará cantada polo Coro de Corrubedo. A continuación sacaranse as imaxes en procesión ata o porto co acompañamento dos grupos Xiada e As Silvaveiras e haberá unha ofrenda floral aos mortos no mar. Ao regresar á Igrexa rematarase coa entoación da Salve Mariñeira.