Unha muller perdeu a vida en Malpica tras ser atropelada por un turismo
Nada máis recibir a chamada do alertante, preto das 23:30 horas, os xestores de emerxencias do 112 Galicia informaron ao persoal sanitario, que decontado, desprazaron ao punto un equipo médico
Unha muller faleceu a noite pasada en Malpica tras ser alcanzada por un vehículo na AC-416, á altura do punto quilométrico 15.
Nada máis recibir a chamada do alertante, preto das 23:30 horas, os xestores de emerxencias do 112 Galicia informaron ao persoal sanitario, que decontado, desprazaron ao punto un equipo médico. Con todo, pese aos intentos de reanimación, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puido confirmar o seu falecemento.
Do mesmo xeito, puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Bergantiños, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do GES de Ponteceso. Tamén, formaron parte do dispositivo os membros de Protección Civil da localidade, que prestaron a súa colaboración no operativo.
Unha vez restablecida a circulación, tras a recuperación das condicións de seguridade na vía, os servizos de emerxencia deron por rematada a súa intervención.