O CM Serra do Barbanza advirte que máis de 1,5 toneladas de residuos de aparellos electrónicos aparecen mesturados co resto de residuos
Ante a chegada de contedores con máis de 1,5 toneladas ao ano destes materiais mesturados co resto residuos á planta do Barbanza, é imprescindible recordar a prohibición de depositar estes aparellos nos colectores da rúa
O Complexo Medioambiental do Barbanza lembra a importancia de depositar os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) nos puntos limpos ou nos establecementos comerciais onde se adquiren os novos aparatos eléctricos. É máis, para certos volumes de superficie comercial están obrigados a recoller este tipo de instrumentos aínda que o consumidor non adquira un novo, tal e como recolle o Real Decreto sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
Ante a chegada de contedores con máis de 1,5 toneladas ao ano destes materiais mesturados co resto residuos á planta do Barbanza, é imprescindible recordar a prohibición de depositar estes aparellos nos colectores da rúa, tal e como figura no símbolo que traen marcados os instrumentos desta índole.
Estes aparatos conteñen elementos contaminantes na súa composición que afectan negativamente ao medio ambiente e á saúde, como os metais férricos, os plásticos, o cobre ou o aluminio. Por iso, as campañas de sensibilización e concienciación por parte das administracións públicas sobre este tema son indispensables.
MÁIS DE 184.000 EUROS EN AXUDAS PARA A MELLORA DE RECOILLADA DE BIORRESIDUOS
Seguindo a liña de campañas de sensibilización advirten ademais que a Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza ten concedida dúas liñas de axudadende o 2017, que ascende aos 184.00 euros e dos que a día de hoxe, aínda non se levou a cabo ningunha iniciativa.
A axuda concedida foi solicitada na convocatoria de axudas do anterior Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), dentro da liña PIMA Residuos-Compost. Segundo Acordo do 24 de xullo de 2017 da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente polo que se aprobou a distribución territorial dos créditos, a Mancomunidade resultou beneficiaria de dúas liñas de axudas.
Por unha banda para o melloramento da recollida separada de biorresiduos cunha dotación de 147.00 euros. As liñas de actuación consistirían en campañas de sensibilización da sociedade orientadas ao sector hostaleiro, mercados ou comedores escolares para a mellora da separación dos restos orgánicos e así obter compost, con achegas de ecocubos e material didático. Así como tamén para impulsar a recollida da fracción vexetal para destinar a planta de compostaxe e ciclos de formación a responsables da administración local e en centros de ensino, entre outras.
Por outro lado, a Mancomunidade conta cunha axuda para a implantación da compostaxe caseira e comunitaria de case 38.000 euros. Desta volta, estaría destinada para instaurar a compostaxe individual (vivendas con hortas) e comunitaria nos concellos da Mancomunidade do Barbanza, amais para a formación e seguimento dos proxectos.
A día de hoxe, non hai constancia da posta en marcha de ningunha das dúas liñas de axudas e hai que ter en conta o prazo de execución das mesmas, que segundo a convocatoria era de 24 meses cunha prórroga de outros 6 máis, a partires da transferencia do financiamento.
Dende o Complexo Medioambiental do Barbanza, advirten que sen a mellora da recollida selectiva da fracción orgánica e resto das fraccións, xunto coa implantación da compostaxe caseira e comunitaria, resultará difícil acadar o obxectivo que marca a lexislación de reciclar o 50% dos residuos domésticos no 2020. Por iso, é urxente a posta en marcha desta liña de axudas, que superan os 184.000 €.