Cortes de tráfico en varias rúas da cidade por obras de reparación de pavimentos
Durante esta semana, os traballos executaranse en horario nocturno para que a incidencia no tráfico sexa a menor posible
Entre os días 6 e 10 de agosto comezará a campaña de conservación, mantemento e reparación de pavimentos en varias rúas da cidade. Durante esta semana, os traballos executaranse en horario nocturno para que a incidencia no tráfico sexa a menor posible, afectando ás seguintes rúas:
- Na noite do martes 6 ao mércores 7, dende as 20:00 ata as 6:00 horas, as obras afectarán ás rúas de Blanco Amor, Irmandiños e Alexandre Bóveda. En todas elas, os traballos non impedirán o paso e o acceso a garaxes, excepto en momentos puntuais, que en todo caso serán de curta duración.
- Na noite do mércores 7 ao xoves 8, dende as 20:00 ata as 6:00 horas, realizaranse labores de asfaltado na rúa de Santiago de Chile, dende o cruce da rúa da Rosa ata a praza de Vigo. En todo este tramo e durante o mencionado horario impedirase a circulación, o aparcamento en superficie e o acceso a garaxes. Segundo vaian avanzando as obras e rematándose tramos, facilitarase o acceso aos mesmos.
O cruce coa rúa de Frei Rosendo Salvado quedará afectado e cortado á circulación. O acceso e saída dos garaxes do tramo entre Santiago de Chile e Ramón Cabanillas deberá efectuarse dende esta última rúa. No tramo final de Frei Rosendo Salvado, a entrada e saída dos garaxes farase dende a avenida de Romero Donallo.
Debido a estes cortes, as liñas 15 e C2 do transporte urbano desviaranse do seu itinerario habitual a partir das 20:00 horas. A liña 15, en sentido Mestre Mateo, desviarase desde a rúa da Rosa por Romero Donallo. A liña C2 desviarase dende a rúa da Rosa por Romero Donallo, cambiando de sentido na rotonda con Rosalía de Castro e continuando o seu itinerario pola avenida de Vilagarcía. Quedarán suprimidas para estas liñas as dúas paradas de Santiago de Chile: 590, Santiago de Chile nº 31; e 589, Santiago de Chile (cruce co Frei Rosendo Salvado).
- Na noite do xoves 8 ao venres 9, de 20:00 a 6:00 horas, os traballos serán na rúas de Santa Marta de Arriba e da Choupana. A circulación verase afectada parcialmente, sendo necesario o paso alternativo dos vehículos.
- Na noite do venres 9 a sábado 10, de 20:00 a 6:00 horas, realizaranse obras na rúa de Sempre en Galiza, con corte total da circulación, para pasar despois á travesa da Choupana, tamén con corte total ao tráfico.
Unha vez realizados estes traballos, continuarase con reparacións parciais na semana do 19 ao 23 de agosto, pero xa a súa execución será polo día, afectando á avenida de Barcelona, República Arxentina e outros puntos do Ensanche, sen necesidade de cortes na circulación, aínda que si nalgúns estacionamentos de superficie.