A Casa da Cultura de Lousame acollerá o xoves 8 de agosto a clausura dos Cursos de Verán da A.C. O Son do Pote
O alumnado protagonizará o vindeiro xoves 8 de agosto a xornada de clausura, que se desenvolverá nas instalacións da Casa da Cultura de Lousame ás 20.00 horas
Un total de 25 persoas participan esta semana nos Cursos de Verán impartidos pola Asociación Cultural O Son do Pote. A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Concellaría de Cultura, comprende a realización de dúas accións formativas que teñen as súas prazas completas.
O alumnado protagonizará o vindeiro xoves 8 de agosto a xornada de clausura, que se desenvolverá nas instalacións da Casa da Cultura de Lousame ás 20.00 horas. Dende o Concello animan á veciñanza a asistiren a esta actividade, xa que as persoas participantes nestes cursos ofrecerán a interpretación das pezas ensaiadas nas xornadas formativas.
A primeira das accións ofertadas é un Curso de Percusión Tradicional por Lectura de Partituras (iniciación). Tivo lugar o 30 de xullo entre as 19.30 e as 22.30 horas na Casa da Cultura de Lousame. As persoas asistentes aprenderon, entre outros conceptos, ritmos e patróns básicos, comprensión e interpretación dunha particella e montaxe de pezas.
Por outra banda, a A.C. O Son do Pote e o Concello de Lousame ofertan outra acción formativa. Trátase dun Curso de Afinación da Gaita Galega (iniciación). Neste caso, as sesións desenvólvense hoxe venres 2 de agosto de 19.30 a 22.30 horas na Casa da Cultura de Lousame. Neste caso, impartiranse coñecementos sobre afinación do instrumento, comprensión do afinador dixital, afinación con outros instrumentos e montaxe de pezas.