O Servizo de Cardioloxía do CHUS implanta o primeiro dispositivo modulador de contractilidade cardíaca
Este tratamento consiste na colocación dun dispositivo parecido a un marcapasos que permite estimular con alta voltaxe unha zona específica do corazón a un paciente con insuficiencia cardíaca(IC)
O Servizo de Cardioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago implantou o primeiro dispositivo de modulación da contractilidade cardíaca nun paciente con Insuficiencia Cardíaca (IC) que permanecía sintomático a pesar do tratamento farmacolóxico óptimo. Esta nova tecnoloxía forma parte do proxecto de investigación en IC avanzada que se desenvolve na nosa Institución e que este ano se lle concedeu o Primeiro Proxecto Intramural do CIBERCV (Consorcio de Investigación Cardiovascular en España)
O implante foi realizado a primeiros de abril e tras case 5 meses de seguimento confírmase o éxito do procedemento cun beneficio tanto clínico como na melloría na función contráctil do corazón do paciente.
Este tratamento consiste no implante dun dispositivo denominado Optimizer Smart que se implanta de forma semellante a un marcapasos que permite estimular con alta voltaxe unha zona específica do corazón de forma sincrónica coa actividade eléctrica do mesmo. Este tratamento “eléctrico” permite mellorar a contractilidade aguda e induce un conxunto de cambios estruturais a máis longo prazo que levan a unha mellora dos síntomas, da calidade de vida, da clase funcional e da función ventricular do corazón. Ademais, permite reducir a taxa de ingresos hospitalarios por IC.
Unha vez implantado, recárgase semanalmente de modo externo no domicilio do doente de xeito automático e non precisa de substitución da batería do dispositivo.
Está indicado en pacientes con IC con depresión lixeira ou moderada da función contráctil do corazón. A IC afecta arredor do 2% da poboación e constitúe a primeira causa de hospitalización en doentes maiores de 65 anos. Representa o 3% de todos os ingresos hospitalarios e un 2.5% do custe total da asistencia sanitaria. A modulación da contractilidade cardíaca constitúe un tratamento innovador que permitirá mellorar a calidad de vida, a tolerancia ao esforzo e reducir os ingresos hospitalarios en doentes con IC.
É o terceiro paciente ao que se lle ten implantado un dispositivo de modulación cardíaca en España e o primeiro en Galicia.