Novas restriccións do tráfico por mor dos Fogos de Fin de Festa
Quedarán cortadas ao tráfico a partir das 22:00 horas as avenidas da Coruña e de Compostela, no tramo comprendido entre a avenida das Ciencias e a avenida das Burgas
Debido á celebración dos Fogos Fin de Festa, que se tirarán dende a escalinata do campus universitario ás 23:30 horas de hoxe mércores, 31 de xullo, este día quedará cortado ao tránsito peonil, a partir das 8:00 horas, o paseo da Ferradura (zona máis próxima á escalinata do campus) e as zonas adxacentes, que estarán debidamente valadas. Tamén se pechará a partir desa mesma hora o parque infantil situado na avenida de Compostela.
Quedarán cortadas ao tráfico a partir das 22:00 horas as avenidas da Coruña e de Compostela, no tramo comprendido entre a avenida das Ciencias e a avenida das Burgas, polo que o tráfico que suba por esta última rúa deberá xirar obrigatoriamente á esquerda en dirección ao Cruceiro do Gaio. Prohíbese tamén o aparcamento dende as 15:00 h do 31 de xullo ata as 01.00 h do 1 de agosto.
DESVÍO DA LIÑA 8
Como consecuencia dos devanditos cortes, a liña 8 do transporte urbano desviarase do seu percorrido habitual na saída de Vidán das 22:30 h. Así, o autobús seguirá o itinerario habitual pola avenida da Mestra Victoria Míguez para desviarse pola avenida do Mestre Mateo e Rosalía de Castro, retomando o itinerario na avenida de Xoán Carlos I.
Neste servizo, quedarán suprimidas todas as paradas do Campo de San Domingos, estrada de San Lourenzo, carballeira de San Lourenzo, avenida das Burgas e avenida da Coruña.
PÚBLICO
No que respecta ao público que presencie os fogos dende o campus sur, prégase que, unha vez rematado o espectáculo pirotécnico, non empreguen as escalinatas de acceso á Alameda nin entren no perímetro de seguridade ata que os efectivos policiais e de Protección Civil lles indiquen que, verificados os elementos de disparo, poden subir sen risco.
Membros da Policía e de Protección Civil estarán presentes na zona para guiar a vehículos e viandantes e aclarar calquera dúbida.