Ruta para familias con nenos e nenas en Rianxo
A ruta partirá do Castelo da Lúa, onde se fará unha explicación do lugar e se reparará nas marcas de canteiro que aparecen nas pedras do Castelo
Mañá sábado día 27 de xullo, ás 11:00 da mañá, terá lugar a II Ruta do Apego do Concello de Rianxo. A andaina está deseñada para que participen familias con nenos e nenas e terá un contido fundamentalmente educativo. A idea é que a poboación rianxeira e de fóra coñeza o patrimonio histórico da vila. .
A ruta partirá do Castelo da Lúa, onde se fará unha explicación do lugar e se reparará nas marcas de canteiro que aparecen nas pedras do Castelo. Despois, camiñarase ata a vila de Rianxo, onde se buscarán esas mesmas marcas nos seus edificios máis antigos.
A ruta, que estará guiada por José Luis do Pico Orjais e Tero Rodríguez, combinará a aprendizaxe sobre a historia de Rianxo con contacontos e unha pequena intervención musical.
A ruta rematará na Feira do Libro de Rianxo, onde hai que lembrar, ao longo deses días, haberá actividades para grandes e pequenos. Por exemplo, nesa mesma data ás 21:00 horas, está previsto que actúe o grupo de musica infantil Uxía Lambona e a Banda Molona.