miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Espazos Sonoros 2019 volve en setembro con música, arquitectura e paisaxe

Espazos Sonoros 2019 volve en setembro con música, arquitectura e paisaxe
Foto de arquivo
Espazos Sonoros 2019 volve en setembro con música, arquitectura e paisaxe

Do 1 de setembro ao 6 de outubro, a catedral de Tui, a igrexa de San Miguel de Lebosende ou o mosteiro de Santa María de Penamaior serán algúns dos escenarios do ciclo

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou esta semana na presentación do festival Espazos Sonoros 2019, que celebrará do 1 de setembro ao 6 de outubro a súa duodécima edición. A música, a arquitectura e a paisaxe son protagonistas deste ciclo promovido pola Xunta de Galicia e que este ano ofrece achegarse a edificacións históricas dos concellos de Baiona Carballedo, Parada de Sil, Tui, Cee, Rois, Leiro e Becerreá, a través dunha programación musical que inclúe de xeito complementario andainas, visitas guiadas e obradoiros. 

A igrexa de Santa Liberata, a de Santo Estevo de Chouzán, o mosteiro de Santa Cristina  de Ribas de Sil, a catedral de Tui, a capela do antigo colexio-instituto da Fundación Fernando Blanco, o pazo do Faramello, a igrexa de San Miguel de Lebosende e o mosteiro de Santa María de Penamaior, son os espazos patrimoniais, civís e relixiosos nos que se poderán escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o grupo Cantaderas, que mestura música vocal da Idade Media con outras procedentes da tradición oral e que abrirá a programación o 1 de setembro. 

Xunto con Cantaderas, o Dúo Fracanapa, Michael Schöch, Mateo Arnáiz, Rosalía Gómez lasheras, L’Unisoni e Capella des Ministrers son os artistas e agrupacións que forman parte do programa musical, que se mesturan cunha xornada en Santo Estevo de Chouzán, cun obradoiro de achegamento á música antiga, cunha visita guiada polo mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e con roldas pola paisaxe organística galega entre outras actividades. 

No acto de presentación da programación, que xa pode consultarse en http://www.espazossonoros.org, tamén participou a directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, e, durante o transcurso do mesmo, Anxo M. Lorenzo referiuse ao ciclo como un evento consolidado no calendario cultural galego que renova a súa programación musical ofrecendo interesantes experiencias musicais. 

PROGRAMACIÓN CULTURAL ARREDOR DO PATRIMONIO

A Consellería de Cultura e Turismo vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. Precisamente, o 3 de agosto botará a andar Monumenta, que, baixo o epígrafe Andar con arte, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego. 

Comentarios
Lo más