Padrón instalará un Punto Lila hoxe 24 de xullo
Este Punto Lila estará operativo desde as 20.00 ata as 2.00 horas e será atendido por persoal especializado
O Concellaría de Igualdade e Muller de Padrón, a través do Centro de Información á Muller (CIM), activará o vindeiro día 24 na rúa Ferreiros durante a celebración do festival Asnot e dos concertos de Milladoiro e Mitic -incluidos na programación de Cultura e da Romaría do Santiaguiño do Monte- un Punto Lila informativo e de acompañamento a mulleres vítimas de agresións machistas. Este Punto Lila estará operativo desde as 20.00 ata as 2.00 horas e será atendido por persoal especializado.
Segundo explicou a concelleira de Igualdade e Muller, Lorena Couso, esta acción de concienciación enmárcase "na preocupación do Concello de Padrón fronte a unha lacra que abate a nosa sociedade a cotío, pretendendo crear espazos seguros para desfrutar das festas con tranquilidade e libre de violencias". Esta iniciativa súmase ás xa desenvolvidas por primeira vez este ano nas festas da Pascua co establecemento de dúas liñas de Autobús Lila, completamente gratuítas e con paradas a demanda, así como dun Punto Lila informativo no Paseo do Espolón.
Ademais, desde o CIM levouse a cabo tamén nos últimos meses un labor de coordinación e colaboración cos organizadores e coas comisións das festas máis multitudinarias de Padrón para avanzar cara un ocio libre de violencias machistas, como son a propia Pascua e o Asnot, o Festival Open Air, a Romaría do Santiaguiño do Monte ou a Festa do Pemento de Herbón.
De cara ao futuro, Lorena Couso avanzou que "o Concello de Padrón pretende dar un paso máis no seu compromiso coa elaboración e aprobación dun protocolo de actuación contra agresións machistas nas festas a través da colaboración coas asociacións e comisións de festas máis representativas, así como cos locais de hostalaría e ocio nocturno".