A Praza do Obradoiro brillou con luz propia
O espectáculo dos fogos do Apóstolo recuperou elementos propios da tradición xacobea e da cultura compostelá
Proxeccións audiovisuais con efectos 3D, música, efectos lumínicos e fogos artificiais volveron protagonizar os Fogos do Apóstolo. O público que encheu a praza do Obradoiro puido repasar en proxeccións cun enfoque cinematográfico dalgúns episodios significativos da tradición xacobea. E tanto os presentes na praza como noutros puntos da cidade, gozaron dunha pirotecnia que tivo máis relevancia.
O espectáculo volve elementos propios da tradición xacobea e da cultura compostelá, e fixo un percorrido histórico dende o descubrimento da tumba do Apóstolo ata a construción da cidade histórica, así como a queima da fachada pre-románica.
Tivo catro eixos argumentais principais: o Camiño de Santiago como vía de intercambio cultural cos peregrinos estranxeiros, a arquitectura da cidade e o seu crecemento, a integración e interdependencia entre Santiago de Compostela e o medio rural próximo e, por último, un repaso por algunhas das mulleres galegas que marcaron a historia deste país.
Este ano o espectáculo lembrou as grandes mulleres da nosa historia recente e do noso presente, que estiveron vinculadas coa cidade de Santiago de Compostela. A proxección destacou a Rosalía de Castro, pero tamén lembrou a outras mulleres relevantes, aínda que desigualmente coñecidas, como a escritora e editora María Francisca de Isla y Losada, a cantante exiliada María Valverde, a poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián, a pintora Concha Vázquez, a mestra feminista María Vázquez Suárez e outras tantas.
A produción audiovisual aplicará tecnoloxías de última xeración para proporcionar unha resolución de imaxe de 4 millóns de píxeles de resolución. Para iso, empregaranse 9 proxectores de vídeo de 22.000 lúmenes cada un, 28 cabezas robotizadas e 20 focos estáticos de iluminación e un sistema de son de 50.000 w de potencia distribuídos en 6 torres.
Ademais, para a pirotecnia usaranse un total de 6.015 efectos de disparo e 366 Kg de pólvora. Para iso, APD volverá contar con RICASA, empresa valenciana especializada en pirotecnia a gran escala.