miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Verónica Herrán expón as súas diferentes formas de expresión artística na Asociación Área Empresarial do Tambre

Verónica Herrán expón as súas diferentes formas de expresión artística na Asociación Área Empresarial do Tambre
Verónica Herrán expón as súas diferentes formas de expresión artística na Asociación Área Empresarial do Tambre

Afincada en Santiago, a artista, máis coñecida como Roni, inaugurará mañá a mostra “Punto de conexión” ás 20 horas

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe luns, día 22 de xullo, a exposición de pintura, escultura e fotografía “Punto de conexión” da artista interdisciplinar Verónica Herrán, coñecida polo seu nome artístico Roni. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e a exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 30 de agosto.

Verónica Herrán utiliza diversas técnicas artísticas nas súas obras, como o óleo sobre lenzo, óleo sobre táboa, talla en pedra, talla en madeira, cerámica, baleirado, fotografía dixital, forxa e repuxado. A temática das obras desta mostra, composta por 22 pezas, é variada. O punto de conexión atópase fóra do lenzo ou da propia peza e a artista explica que “ten que ver con aquilo que nos conecta como humanos, o noso mundo interior”. Explora formas de activación de memorias e narrativas internas das que se pode non ser conscientes. 

Coas súas creacións, Verónica Herrán pretende proporcionar un espazo no que dedicar un tempo a ser conscientes desas sensacións que se xeran no interior e na súa relación co mundo exterior. Así, por exemplo, en ocasión a súa obra pode ser unha reflexión sobre un estereotipo, noutras sobre ritmos de vida que poden chegar a arrastrar, un recordo de superación e, outras veces, simplemente un diálogo coa natureza que pode ofrecer mesmamente un espello “no que nos miramos, recoñecemos e atopamos”.

FIXACIÓN POLA FORXA TRADICIONAL

Verónica Herrán é unha artista interdisciplinar nacida en Ourense en 1982. A súa primeira incursión nas artes plásticas comeza fai case 23 anos, nos que investiga no ámbito da pintura e a fotografía de forma intermitente. Durante eses anos, realiza o seus estudos de licenciatura e mestrados de Psicoloxía pola Universidade de Santiago (USC) e entra en contacto con diferentes culturas europeas a través das oportunidades que lle ofrece o seu traballo como representante de deportistas, experiencias que na actualidade van pouco a pouco reflectíndose no desenvolvemento das súas obras. En 2015, e xa afincada definitivamente en Santiago de Compostela, retoma a súa traxectoria artística, momento no que comeza a participar en diferentes exposicións nacionais e internacionais (New York, Roma e Oporto). 

En 2016 inicia os seus estudos de escultura na Escola de Arte Mestre Mateo onde procura profundar en todas as posibilidades que esta disciplina ofrece como medio de expresión. Alí é onde entra en contacto coa forxa artística e decide completar a súa formación coa súa asistencia a encontros internacionais de forxa artística e cursos. 

A fascinación que lle xera as posibilidades que as técnicas de forxa tradicional ofrecen na escultura e o seu interese pola colaboración na divulgación e conservación da cultura asociada á forxa, levárona a formar parte como vogal da xunta directiva do Consejo del Hierro, organización dedicada á divulgación, investigación e conservación deste oficio. Desde 2019 é membro tamén da directiva de A colectiva, a Asociación de Artistas Profesionais de Galicia da que é tesoureira. Ademais, é membro da Asociación Galega de Arte e Cultura AGAEC (AGAEC).

A súa obra evoluciona desde os seus comezos nunha liña figurativa realista ata as posibilidades que o estilo expresionista ou a síntese figurativa lle ofrecen para tratar de representar os complexos procesos que compoñen o mundo interno do ser humano, sen chegar a abandonar a súa tendencia realista. 

Comentarios
Lo más