Piden explicacións pola falta de persoal sanitario no centro de saúde de Sada
A ambulancia que opera en Sada resulta escasa para cubrir os traslados dunha poboación como e a de Bergondo e Sada (a atendida no PAC) en torno aos 22.000 habitantes máis a poboación flotante
Os parlamentarios do grupo de En Marea Eva Solla e Antón Sánchez veñen de reclamar no Parlamento unha resposta da Xunta á delicada situación de persoal sanitario no centro de saúde de Sada, onde a veciñanza está a sufrir agardas que os deputados consideran “absolutamente intolerables”, chegando a quince días para unha consulta.
Piden explicacións sobre o descuberto no persoal do servizo de pediatría, cando van dar cobertura ás vacacións do persoal con profesionais substitutos e como valora a Xunta a espera de medio mes para para unha consulta de atención primaria no concello. Tamén se interesan pola posibilidade de ampliar o transporte sanitario na localidade.
Para Eva Solla esta situación “afecta aos dereitos sanitarios ao incrementar a espera media para as atencións, feito que se ve agravado no caso das urxencias naquelas vilas e cidades, coma Sada, que contan con maior presión poboacional polo turismo nos meses de verán”.
“Por outra parte, nun concello onde a poboación demandaba un segundo pediatra por mor do incremento poboacional, o SERGAS deixou ao centro de saúde sen ningún profesional o pasado 15 de xullo, feito que foi denunciado porr parte do Concello e polo en coñecemento da Consellería de Sanidade”, engade a parlamentaria.
Ademais, a ambulancia que opera en Sada resulta escasa para cubrir os traslados dunha poboación como e a de Bergondo e Sada (a atendida no PAC) en torno aos 22.000 habitantes máis a poboación flotante.