Os Bolechas ensinan a reciclar aparellos eléctricos e electrónicos nas festas do Apóstolo
A campaña de sensibilización iniciada en decembro pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende fomentar hábitos relacionados co bo uso e recuperación de residuos eléctricos e electrónicos
A campaña de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) volve a Santiago de Compostela coincidindo coas Festas do Apóstolo, para sensibilizar sobre a necesidade de xestionar adecuadamente este tipo de lixo. A iniciativa que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a percorrer Galicia este verán cunha acción de street marketing ou marketing de rúa na que participan os Bolechas co fin de achegar a mensaxe ao público infantil e familiar.
Así, esta fin de semana, sábado 20 e domingo 21 de xullo, a campaña estará instalada de 16.00 a 22.00 horas na Avenida Xoan XIII onde se poderá participar nas actividades organizadas na carpa inchable tipo iglú que conta con monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen. No interior da carpa, unha gran pantalla central con xogos interactivos e varias pantallas laterais proxectan vídeos informativos sobre o tema. Así mesmo, despregaranse valados e bicicletas na zona, que se utilizarán como soporte publicitario.
A campaña chega á Santiago tras pasar xa por diversas localizacións, como Marín, Carballo, Narón, Lalín, A Coruña, Allariz (coincidindo coa Festa do Boi) Lugo (co Arde Lucus) ou Santiago de Compostela (onde xa estivo coincidindo coa celebración do Son do Camiño). Deste xeito búscase que a mensaxe chegue ao maior número de persoas. Tras pasar por Compostela a campaña de reciclaxe de RAEE trasladarase o luns e martes á praia de Cesantes de Redondela e o mércores e xoves á rúa Arcebispo Lago de Vilagarcía. En ambas as dúas localidades estará de 15.00 a 21.00 horas.