Miguel Sande, gañador da XVII edición do Premio de Poesía Afundación
O galardón, convocado por Afundación en colaboración co Centro PEN de Galicia, conta co patrocinio da Xunta de Galicia
O xornalista e escritor de Arteixo, Miguel Sande, gaña co poemario Os filósofos xa non brindan con cicuta a XVII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 30 obras inéditas.
A resolución do xurado, composto polas escritoras María Canosa, Ánxela Gracián e Branca Vilela; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.30 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.
"A obra está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura –subliñou o xurado–, pero tamén transgresora nas imaxes e retadora nas metáforas. A expresión poética está plenamente lograda nun metro de difícil factura pero pleno de sonoridade musical como é a prosa poética". Os membros do xurado destacaron así mesmo como o autor "constrúe as dúas primeiras partes do libro nunha escritura impecable, moi limpa e nun rexistro lingüístico depurado".
Pola súa banda, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, tras felicitar ao autor premiado, destacou que "Afundación, a Obra Social de ABANCA, contempla na poesía un mecanismo de capilaridade cultural. E, precisamente, a promoción da cultura como vía para o progreso social é un dos eixes estratéxicos de Afundación.2.
Mentres, Anxo Lorenzo felicitou ao gañador e resaltou como "A colaboración e a suma de esforzos entre administracións, institucións e cidadanía resulta imprescindible para o desenvolvemento da cultura e subliñou a relevancia dunha colección como "Arte de Trobar" que recolle o legado dos grandes nomes da nosa historia literaria."