O Plan do Xacobeo 2021 incorpora nove de cada dez propostas dos diferentes partidos políticos
A Xunta remite á Cámara autonómica a folla de ruta do Ano Santo e solicita a comparecencia do conselleiro de Cultura e Turismo no próximo pleno ordinario
Nove de cada dez achegas presentadas no Grupo de Traballo para o Xacobeo 21 do Parlamento de Galicia foron incorporadas ao Plan Estratéxico para o Ano Santo, a folla de ruta deseñada pola Xunta a partir dun amplo proceso participativo que tivo en conta estas medidas dos distintos grupos parlamentarios.
Este grupo de traballo, constituído o pasado mes de xaneiro a proposta do Goberno galego e formado por todos os grupos, é unha novidosa ferramenta que está a propiciar unha interlocución fluída entre a Administración autonómica e a Cámara galega na planificación do Xacobeo 21. Neste tempo, mantivo dúas reunións que propiciaron o debate e permitiron que todos os grupos con representación parlamentaria realizaran as súas achegas ao Plan.
En total, recibíronse 68 medidas dos grupos parlamentarios, das que a inmensa maioría foron tidas en conta. Tan só nove quedaron excluídas, na meirande parte por tratarse de asuntos que exceden o marco de actuación do Plan Estratéxico do Xacobeo 21.
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu a xuntanza do Grupo de Traballo para o Xacobeo 21 na que se deu conta das distintas achegas, reunión da que decidiron ausentarse no último momento os grupos da oposición. Neste sentido, lamentou esta decisión e tendeu a man unha vez máis para seguir impulsando o entendemento e a cooperación nun proxecto clave para Galicia que precisa da implicación de todos.
CALENDARIO DE PRESENTACIÓN
Con este obxectivo, a reunión para dar conta do Plan Estratéxico celebrouse o mesmo día no que foi exposto na Comisión Organizadora do Xacobeo 21, órgano que encargou a súa elaboración e responsable da coordinación deste acontecemento. Esta mesma semana, o documento será exposto ante as comunidades autónomas que integran o Grupo de Traballo do Ano Santo do Consejo Jacobeo, como paso previo a súa presentación en sociedade.
A Xunta remitiu xa o Plan Estratéxico ao Parlamento ao tempo que o conselleiro de Cultura e Turismo solicitou a súa comparecencia no próximo pleno ordinario, co obxectivo de afondar no diálogo arredor dun documento vivo, que conta coas primeiras medidas, obxectivos e orzamento por parte da Xunta a un ano e medio do inicio do Ano Santo. Así mesmo, o Plan, ao que aínda deberá sumarse a dotación do Goberno do Estado, prevé a acción que liderará o Concello de Santiago de Compostela, que contará co apoio da Xunta de Galicia.