En Marea reclama a derogación da lei que "camufla" as asociacións antiabortsitas baixo un suposto apoio ás embarazadas
Paula Vázquez Verao: "O que se debe blindar por lei en Galicia é o dereito á educación afectivo sexual pública e de calidade, fronte a supostas redes de apoio á maternidade que encobren actividades reaccionarias e contrarias aos dereitos das mulleres"
O DOG do 12 de xullo vén de publicar a puntuación obtida por distintas asociacións para a autorización de uso de locais da Xunta de Galicia na súa nova sede de Pontevedra, a asociación antiabortista Red Madre acadou 80 puntos -a segunda posición- e, por elo, accedeu a un local nas instalacións de Benito Corbal. Cinco deses puntos conseguiunos por ser unha entidade declarada de utilidade pública e non conseguiu ningún deles no apartado de fomentar a igualdade entre homes e mulleres.
En Marea considera que este feito puntual confirma o apoio da Xunta á Red Madre, que leva varios anos recibindo subvencións autonómicas grazas á aprobación, en 2009, polo Parlamento de Galicia, cos únicos votos a favor do PP, dunha ILP que, promovida por dita fundación, foi impulsada polo Foro de la Familia dende 2006, camuflando como “apoio á muller embarazada” unha lei reaccionaria e antiabortista.
A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao reclamará no Parlamento a derrogación da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece unha rede de apoio á muller embarazada e instará á Cámara a deixar de subvencionar as actividades antiabortistas desta asociación.
Paula Vázquez Verao lembra que, na práctica, "a aprobación desta norma permitiu á Xunta concertar coa propia Red Madre labores directas de información a mulleres embarazadas, conforme ao propio artigo 3 da Lei 5/2010 do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, aprobada como consecuencia da aprobación da ILP". "Coa aprobación da ILP a fundación buscaba unha vía de financiamento público para o seu programa reaccionario, coa excusa de dar apoio a mulleres embarazadas e a familias monomarentais", sinala a deputada.
"En Galicia, dende a aprobación de dita lei, a realidade foi que a Red Madre supliu labores que tiñan asignados os centros de asesoramento afectivo-sexual, os Centros Quérote, desmantelados polo goberno de Núñez Feijóo. A aprobación da lei permitiu tamén que se editara unha Guía de Recursos, Apoio e Asistencia á Maternidade, na que inclúen programas xestionados por agrupacións da propia Red Madre e asociacións católicas", critica Vázquez Verao.
Dende En Marea pedirase o reforzo e a ampliación de centros de orientación afectivo-sexual, de xeito que se garanta o acceso universal ao asesoramento e educación sexual en todo o territorio galego.
"O que se debe blindar por lei en Galicia é o dereito á educación afectivo sexual pública e de calidade, fronte a supostas redes de apoio á maternidade que encobren actividades reaccionarias e contrarias aos dereitos das mulleres. A atención ás mulleres embarazadas que precisen apoios socioeconómicos debe prestalas a Xunta, reforzando a súa rede pública de servizos sociais, aumentando os recursos dos servizos sociais comunitarios, os recursos de acollemento residencial e as prestacións sociais autonómicas", defende a deputada de En Marea.