Absolven a dous sospeitosos de estafar a un amigo para quedar a súa herdanza
O tribunal asegura na sentenza que carece de probas de que o home, quen faleceu días despois, fose “incapaz de entender o contido do contrato que estaba a asinar"
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña absolveu dous sospeitosos de obrigaren un home de 83 anos, veciño dun deles, a asinar en 2013 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña un contrato vitalicio polo que lles cedía todos os seus bens, valorados en 261.060 euros.
O tribunal asegura na sentenza que carece de probas de que o home, quen faleceu días despois, fose “incapaz de entender o contido do contrato que estaba a asinar co seu amigo e coidador e co seu outro amigo a fin de favorecelos polas atencións e coidados que lle dispensaban nos últimos anos”. Polo tanto, absolveu os dous acusados de cometer un delito de estafa agravada.