Trasladada de urxencia unha persoa afectada por un incendio en Porriño
Unha das persoas que se atopaban na vivenda no momento de producirse o incendio tivo que ser evacuada debido a unha intoxicación por inhalación de fume
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron na tarde de onte a unha persoa afectada por mor dun incendio declarado nun piso da Rúa Antonio Palacios, no Porriño.
A alerta saltou no 112 Galicia minutos antes das dúas da tarde mediante as chamadas de veciños e viandantes, que vían saír fume por unha fiestra e a dúas persoas tratando de apagar un lume nunha cociña. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios e dos efectivos de extinción do Parque de Bombeiros do Porriño para sufocar as chamas que devoraron por completo unha campá extractora e alcanzaron algúns mobles do arredor.
Ademais, unha das persoas que se atopaban na vivenda no momento de producirse o incendio tivo que ser evacuada debido a unha intoxicación por inhalación de fume.
En canto ao operativo, cómpre sinalar que o equipo de extinción contou co apoio dos axentes da Policía Local e, desde o 112 Galicia, tamén se informou aos Bombeiros de Vigo.