miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Casa de la Troya organizará “roteiros troyanos” polo centro histórico da cidade durante todo o verán

A Casa de la Troya organizará “roteiros troyanos” polo centro histórico da cidade durante todo o verán
A Casa de la Troya organizará “roteiros troyanos” polo centro histórico da cidade durante todo o verán

Este venres, 19 de xullo, haberá unha nova visita cultural teatralizada, que partirá da Praza do Toural ás 12:00 horas

O Museo Casa de la Troya organizará novos “Venres Troyanos” durante todo o verán. Este venres, 19 de xullo, será o primeiro deste mes, e tamén se celebrará o día 26; ámbolos dous roteiros en horario de 12:00 a 13:30 horas. En agosto terán lugar os venres 2, 16 e 30, entre as 20:30 e as 22:00 horas. E en setembro haberá un derradeiro roteiro o día 6, tamén de 20:30 a 22:00 horas.

Benigno Amor é o presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo e que este ano cumpre o seu 40º aniversario. Explica que “estes roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela permiten achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya”. E salienta que esta iniciativa ten un grande éxito entre o público de todas as idades e en particular no caso das familias.

Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica compostelá parten da Praza do Toural e rematan diante da Casa de la Troya. A duración aproximada do percorrido é de unha hora e media. O número máximo de participantes por cada visita é de 20, cun custo de 5 € por persoa, 1 € para os rapaces de 10 a 16 anos e para os menores de 10 anos é gratis. A inscrición para poder participar nesta experiencia pode facerse chamando ao teléfono do museo (981 585 159) ou a través do enderezo de correo electrónico visitas@lacasadelatroya.gal.

O GUÍA CARACTERIZADO COMO O ESTUDANTE BARCALA

Nesta actividade búscase combinar a información cultural e histórica co humor. O guía caracterízase como un personaxe da novela de Pérez Lugín e vencella os lugares que se visitan coa trama do libro. Trátase de Suso Martínez, historiador, guía turístico, divulgador e actor especializado na historia de Galicia, que leva máis dunha década realizando visitas guiadas dramatizadas. Fai a ruta caracterizado como o personaxe de Barcala, que “representa ao estudante troiano” -tal como indican dende o museo-.

VISITA AO MUSEO

O director do Museo Casa de la Troya anima a todos os composteláns e turistas a “que se acheguen a coñecer a Casa de la Troya, unha viaxe pola Compostela universitaria de finais do século XIX e comezos do XX”. Lembra que o museo abre todos os días durante o verán, dende o 16 de xullo ata o 7 de setembro (pecha domingos e luns). O horario de visitas é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. 

Comentarios
Lo más