miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Área Empresarial do Tambre celebra esta semana dous cursos sobre manexo de carretillas elevadoras

A Área Empresarial do Tambre celebra esta semana dous cursos sobre manexo de carretillas elevadoras
A Área Empresarial do Tambre celebra esta semana dous cursos sobre manexo de carretillas elevadoras

Celebraranse do 16 ao 19 de xullo no Centro Empresarial do Tambre, en horario de 9 a 14 horas

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) acolle esta semana dous cursos gratuítos, previa inscrición, de manexo seguro de carretas elevadoras e de prevención de riscos laborais en traballos en altura,  organizados no marco do Plan de Formación de Prevención de Riscos Laborais (PRL) 2019 en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC) e o financiamento da Xunta de Galicia.

A responsable do departamento de Prevención de Riscos Laborais da CEC, María Botana, explica que o Plan de Formación PRL 2019 que executa a Confederación coruñesa enmárcase nas axudas que a Xunta de Galicia convoca para o fomento da prevención de riscos laborais na provincia. A través da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), a CEC impulsa actuacións en materia de prevención para a mellora dos recursos preventivos de empresas e traballadores.

María Botana sinala que se organizan diferentes cursos, como os que comezan a próxima semana na Asociación Área Empresarial do Tambre, ata finais do mes de outubro. Son accións formativas con contido práctico e conceptos teóricos no manexo de equipos ou para a execución de determinadas tarefas de forma segura. “A formación en PRL contribúe a incrementar a cultura preventiva do noso tecido empresarial e por iso, as confederacións e as súas asociacións membro adquiren o compromiso de executar un plan de formación en PRL que dinamice o cumprimento preventivo” –destaca Botana–.

O curso de manexo seguro de carretas elevadoras celebrarase os días 16 e 17 de xullo no Centro Empresarial do Tambre en horario de 9:00 a 14:00 horas. Está dirixido a traballadores por conta allea, propia ou desempregados, e contará cunha parte teórica e outra práctica. . O apartado teórico constará de temas como a lexislación aplicable, tipos de carretas elevadoras, compoñentes, dispositivos e elementos de manobra, dispositivos de seguridade das carretas elevadoras, condución da carreta elevadora, operacións de carga e descarga, almacenaxe de cargas, técnicas de seguridade, equipo de protección persoal –E.P.I.–, inspeccións periódicas obrigatorias das carretas elevadoras, e os principais riscos e a súa prevención na condución e manipulación de carretas. Ademais, a formación contará con prácticas de condución de carretillas que se realizarán na explanada da Asociación.

O curso de prevención de riscos laborais en traballos en altura celebrarase os días 18 e 19 de xullo no Centro Empresarial do Tambre en horario de 9:00 a 14:00 horas. Está dirixido a traballadores por conta allea, propia ou desempregados, e contará tamén cunha parte teórica e outra práctica. Os alumnos escoitarán as indicacións dos profesores sobre a introdución ao RD 2177/2004, prevención de riscos laborais, caídas en altura, física da caída, técnicas de seguridade en altura, e equipos de protección individual para traballos en altura: elección conservación e revisión. 

O apartado práctico xirará sobre a colocación e axuste do arnés, sobre os elementos de amarre e dispositivos anticaídas, as técnicas para a progresión sobre estruturas e cubertas, sistemas anticaídas e de subxección, técnicas de salvamento de persoas accidentadas en suspensión, técnicas seguras de manipulación de cargas en altura, montaxe e utilización de liñas de vida verticais e horizontais, e utilización de escaleiras e medios de acceso en altura.

Comentarios
Lo más