miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

As mellores bandas xuvenís de Galicia reuníronse na Cidade da Cultura

As mellores bandas xuvenís de Galicia reuníronse na Cidade da Cultura
As mellores bandas xuvenís de Galicia reuníronse na Cidade da Cultura

No encontro participaron 12 formacións ademais da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, integrada por músicos de 27 bandas e conservatorios

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu onte a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que preto de 600 músicos novos, de 13 formacións, interpretaron os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluíu un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco –director da banda A Lira de Ribadavia–. O certame finalizou cunha entrega de diplomas e coa interpretación do Himno Galego por parte de todas as formacións participantes de xeito conxunto.  

A xornada contou coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen gabou os obxectivos deste festival, que se propón “fomentar o encontro entre os intérpretes máis novos, establecer vínculos que propicien a colaboración entre as bandas e enriquecer a formación musical das novas xeracións”.

O titular de Cultura da Xunta quixo tamén pór en valor a relevancia das bandas de música no marco da cultura popular así como a elevada calidade das formacións galegas e os seus músicos avaladas por premios e recoñecementos e que hai apenas un par de semanas puidose comprobar en directo durante o Serán’02. 

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia proponse ademais pór de relevo o importante labor formativo das escolas de música de asociacións, bandas de música e concellos, amosando o seu traballo ante o gran público. O evento está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo. 

O conselleiro participou na entrega de diplomas ás formacións participantes acompañado do presidente da FGBMP, Iván Estévez Sabucedo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

PROGRAMA DE XORNADA

O festival arrancou ás 11,00 horas no Museo Centro Gaiás, desenvolvéndose ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os e as participantes –todos e todas menores de 20 anos–. 

Os intérpretes pertencen a 12 formacións, escollidas por sorteo entre todas as bandas de música federadas da FGBMP que se presentaron ao proxecto –un total de 25–. Cada formación interpretou os repertorios elixidos para a ocasión, que incluíron pezas do máis variado: desde compositores de bandas sonoras como John Williams e Michael Sweeney, de musicais como Andrew Lloyd Weber, ou versións orquestrais de temas de Coldplay ou Walk the Moon. Completou o programa a actuación da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, recentemente formada a través dunha convocatoria lanzada pola FGBMP a músicos menores de 18 anos e tamén a directores interesados, en virtude da cal foron seleccionados os seus 50 integrantes, pertencentes a 27 bandas e conservatorios.

BANDAS PARTICIPANTES

As formacións participantes deste ano foron a Banda da Escola de Música de Ponteledesma (Viladecruces), a Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Infantil de Rubiós (As Neves), a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Xove Banda de Valga, a Banda de Música Municipal Xuvenil de Agolada e a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Lalín), todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Da provincia de Ourense actuaron a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Música de Santádega (Coles); mentres que da provincia da Coruña participou a Banda Infantil Sementeira (Narón). 

Comentarios
Lo más