miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A asociación ASPANAES navega no veleiro adaptado Laion de COGAMI

A asociación ASPANAES navega no veleiro adaptado Laion de COGAMI
A asociación ASPANAES navega no veleiro adaptado Laion de COGAMI

Xa son 17 os anos que este veleiro que foi incautado ao narcotráfico navega polas rías galegas achegando a vela ás persoas con discapacidade

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia tempada de verán, ofrecendo a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación a persoas con discapacidade. 

Un ano máis, e con este xa van dezasete, o veleiro Laion de COGAMI levanta áncora, iza velas e sae a navegar pola costa galega proporcionando unha nova experiencia de lecer náutico deportiva no marco do proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada). Dotado de adaptacións como son un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, e uns asentos ou backets, tamén adaptados, o Laion permite o acceso á embarcación a todas as persoas.

Dende finais de xuño arranca a tempada que, xunto co mes de xullo, vai permitir que máis de 200 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, teñan a oportunidade de participar de travesías de tres horas polas rías galegas e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, así como a realización de nós náuticos, o manexo do temón ou vocabulario propio da arte da navegación.

O venres, 12 de xullo, un grupo de persoas da asociación ASPANAES de Santiago de Compostela vén de participar nun bautismo de mar a bordo do veleiro Laion que inicia as súas actividades en Ares, e nas que participarán xunto con persoas usuarias de COGAMI en Ferrol máis de 20 persoas que poderán gozar de primeira man das sensacións que se experimentan coa navegación a vela, en quendas de mañá de 11 a 14 horas e de tarde en horario de 16 a 19 horas no día de hoxe, e en horario de 11 a 14 horas no día de mañá.

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa financiación de Ence Energía y Celulosa, S.A. (ENCE), ademais dos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Sanxenxo, Marina Combarro, Club Náutico de Beluso, Marina Muros ademais do Club Náutico de Camariñas e o Real Club Naútico de A Coruña.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico- deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, conta con máis de 4.000 participantes, converténdoa nunha das actividades de lecer que conta con máis demanda por parte das persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI, así como entre as entidades do movemento asociativo.

Comentarios
Lo más