A Audiencia multa a unha muller por axudar a entrar como turistas a España a tres mulleres que ían exercer a prostitución en Noia
O tribunal considera acreditado que a sospeitosa pactou con tres mulleres procedentes do seu país de orixe, Colombia, que lles prestaba os cartos para financiar a súa viaxe a España a cambio de que exercesen a prostitución na súa vivenda de Noia
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a unha muller a pagar unha multa de 7.200 euros como autora de tres delitos contra os cidadáns estranxeiros e absolveuna dos delitos de prostitución e contra os dereitos dos traballadores que lle imputaba a Fiscalía. O tribunal considera acreditado que a sospeitosa pactou con tres mulleres procedentes do seu país de orixe, Colombia, que lles prestaba os cartos para financiar a súa viaxe a España a cambio de que exercesen a prostitución na súa vivenda de Noia e lle devolvesen a débeda contraída con intereses.
“Non tivo lugar a imposición non querida do exercicio da prostitución coa necesaria ausencia de liberdade nas mulleres que se prostituían no domicilio da acusada e da súa filla”, relatan os maxistrados na sentenza, na que salientan que as mulleres “non eran constrinxidas por ninguén, pois exercían a prostitución de forma libre e voluntaria”.
As declaracións prestadas polas implicadas, segundo a Audiencia, teñen “maior virtualidade probatoria que as prestadas por outras testemuñas como os axentes policiais que interviñeron na investigación dos feitos”, os cales sostiveron que as condicións laborais eran “de escravitude”, que as mulleres estaban alí “pola comida e a bebida” ou que eran “obrigadas a manter relacións sexuais sen posibilidade de escoller cliente”.
“A entrada das tres mozas en España foi ilegal, pois se fixo como turistas cando, en realidade, non tiñan tal condición, dado que viñan traballar ao piso da acusada como prostitutas, obtendo por iso a imputada o 50% das ganancias que xerase cada unha delas e sendo condición para deixar de traballar con ela e poder abandonar a súa vivenda a satisfacción da débeda contraída, a cal tiña intereses, o cal evidencia o ánimo de lucro na acusada, pois do seu traballo como prostitutas se ía beneficiar”, conclúen os maxistrados. A Audiencia absolveu á filla da investigada en aplicación do principio in dubio pro reo.