miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Expertos en tumores de tiroides reuníronse no CHUS

Expertos en tumores de tiroides reuníronse no CHUS
Expertos en tumores de tiroides reuníronse no CHUS

 Dous dos tres expertos españois da OMS nesta materia, os doutores Cameselle e  Abdulkader, son patólogos da xerencia sanitaria compostelá

A Reunión do Comité Ibérico de Tumores Tiroideos que se celebrou onte xuntou expertos internacionais nesta patoloxía para discutir principalmente o diagnóstico e tratamento dos tumores malignos e benignos da glándula tiroides. A inauguración tivo lugar a primeira hora na Aula 1 do Clínico e participaron a Xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez, o xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, José Ramón Antúnez, e o organizador da reunión e patólogo da XXIS, José Manuel Cameselle.

Nela participaron 4 expertos da Axencia Internacional para a Investigación contra o Cancro (IARC, Lyon) implicados na clasificación da OMS para o diagnóstico deste tipo de tumores. 

Tamén compre destacar que nesta reunión participan 2 dos 3 expertos españois da OMS en tumores de tiroides, os doutores José Manuel Cameselle e Ihab Abdulkader, ambos pertencentes ao servizo de Anatomía Patolóxica da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.

No transcurso da xornada expuxéronse as novidades sobre o controvertido tumor tiroideo (NIFPT) que até hai dous anos era considerado cancro e que agora se trata como un tumor  benigno. O grupo tamén abordou diferentes aspectos da patoloxía en relación cos tumores pediátricos e hereditarios así como futuros proxectos de colaboración coa participación de patólogos e investigadores máis novos.

Datos do Hospital Clínico

O cancro de tiroides é dos que máis está aumentando. Actualmente a doutora Gemma Rodríguez Carnero, do Servizo de Endocrinoloxía da XXIS, está revisando as características epidemiolóxicas do cancro de tiroides diagnosticados na nosa área: entre 2006-2010 diagnosticáronse 250, mentres que entre o 2011-2015 foron 392.  O incremento é notable. A maioría dos casos (76%) diagnosticáronse en mulleres cunha idade media de 52 anos. Afortunadamente, se se exceptúa o tipo de carcinoma indiferenciado, que é un dos cancros humanos máis letais, a maioría dos pacientes (máis do 95%) estarán vivos e ben aos 10 anos do diagnóstico.

No Clínico realízanse máis de 200 intervencións cirúrxicas de tiroides  anuais que examina no servizo de Anatomía Patolóxica onde tamén diagnostican máis de 500 citoloxías realizadas mediante punción-aspiración.

A experiencia do equipo multidisciplinar da nosa institución fai que os resultados de supervivencia e ausencia de complicacións sexan equiparables aos estándares das mellores institucións do mundo.

Comentarios
Lo más