Manuel Lago: "Corina Porro será a delegada de Feijóo para reconstruír o seu partido en Vigo"
Para o voceiro do Grupo Parlamentario En Marea "hai que sacar a Feijóo da Xunta para corrixir esa anomalía democrática de confundir o partido coa institución"
Para Manuel Lago, voceiro do GP En Marea, os recentes nomeamentos da Xunta de Galicia demostran que o PP non é quen de distinguir o que é a institución, o que é o goberno e o que é o seu partido. "A cidadanía ten dereito a preguntarse se Corina Porro é a delegada da Xunta ou a Delegada do PP En Vigo", sinalou Lago para quen Corina Porro non é máis cá "delegada de Feijóo para reconstruír o seu partido en Vigo".
"Isto é intolerable", censurou o voceiro e engadiu que "se o PP quere ter unha persoa para reconstruír o seu partido non pode empregar os recursos publicos, non só os económicos, senón tamén os institucionais para que esa persoa faga ese traballo". Lembrou tamén que Feijóo xa dou mostra desta confusión entre partido e institución hai unha semanas "cando convocou a persoas con responsabildades na Xunta de GAlicia para principiar a campaña das eleccións autonómicas do ano que vén".
Esta confusión é para Lago "un dos cancros da democracia" e un dos motivos fundamentais para darlle relevo a Feijóo como presidente da Xunta de Galicia. "É propio de gobernos con maiorías absolutas confundir a barreira que ten que haber entre o partido e o goberno, temos que rematar con esa anomalía democratica, xa que o PP non entende ben esa separación de poderes temos que sacalos da Xunta de Galicia".
Cese en Portos
Dende o grupo parlamentario tamén valoraron esta mañá nunha rolda de prensa a destitución do presidente de Portos de Galicia, José Juán Durán. A deputada Paula Quinteiro, que forma parte da Comisión de Pesca no Parlamento celebrou este cambio e agarda que traia boas novas para a seguridade do porto de Malpica.
"Dende o mes de decembro, que aconteceu a tráxica morte dun mariñeiro no porto trala existencia de informes técnicos que demostraban as deficiencias denunciadas pola confraría, non se fixo nada", lembrou Quinteiro, que engadiu que a semana pasada o GP En Marea rexistrou unha nova pregunta á Xunta interesándose polas obras do porto.
Para Quinteiro a política de Portos de Galicia leva dez anos demostrando prácticas caciquís, con problemas estruturais nos peiraos que nunca se melloraron, e que o seu titular sempre actuou de costas aos intereses dos profesionais do mar.