Un incendio obriga a evacuar a un home con queimaduras nas mans en Cangas
Segundo informaron os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, o home, foi trasladado ao centro de saúde da localidade polos mesmos axentes da Policía Local
O dono dunha vivenda situada na Rúa de Longán, en Cangas resultou ferido con queimaduras nas mans ao incendiárselle a cociña. Segundo informaron os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, o home, foi trasladado ao centro de saúde da localidade polos mesmos axentes da Policía Local.
Foi o mesmo propietario quen, sobre as 15:30 horas da tarde de onte, alertou ao 112 Galicia. Indicou que lle ardía a cociña pero que non había feridos.
Decontado, os xestores de emerxencias puxeron en alerta aos Bombeiros do Morrazo, á Policía Local e a Protección Civil. Os Bombeiros de Vigo tamén foron informados.
Tras chegar ao domicilio, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que non foi precisa a súa intervención. Comprobaron xunto cos membros de Protección Civil que o incendio, no que ardeu unicamente a campá extractora, quedara totalmente extinguido e deron por finalizado o servizo.