Os rapaces de Ames poderán disfrutar de cursos de natación
Os obradoiros terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro
A Concellaría de Deportes de Ames abriu este martes, 9 de xullo, o prazo de inscrición para os cursos de natación que se desenvolverán no concello durante o mes de agosto. Os obradoiros terán lugar de luns a venres, tanto na piscina descuberta de Bertamiráns coma na do Milladoiro.
Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña, e pecha o prazo de inscrición o vindeiro 19 de xullo.
Así, os e as interesadas en participar nalgunha das cinco quendas do curso de natación de agosto poderán anotarse no curso entre o 9 e o 19 de xullo.
Os cursos de agosto, como xa ocorreu cos que se están a desenvolver este mes de xullo, están organizados en función da idade das e dos participantes, polo que ambos manterán os mesmos horarios.
Ás 11:15h comezarán as persoas que superen os 10 anos de idade, mentres que ás 12:00h será a quenda daquelas e aqueles entre os 8 e os 9 anos.
A continuación, ás 12:45h, entrará na piscina a rapazada cuxa idade estea comprendida entre os 6 e os 7 anos, aos que seguirán os cativos e cativas de entre 3 e 5 anos a partir das 13.30h, que serán os últimos en mergullarse.