O arquitecto municipal de Santiago debaterá sobre a nova Lei de Rehabilitación nunha mesa redonda
Celebrarase ás 19:30 horas no auditorio do Museo das Peregrinacións na praza de Praterías
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrará hoxe mércores, 10 de xullo, unha mesa redonda sobre a nova “Lei de Rehabilitación de Galicia”, ás 19:30 horas no auditorio do Museo das Peregrinacións na praza de Praterías. Nesta mesa de debate participarán tres arquitectos municipais especializados en rehabilitación, que destacarán aqueles aspectos da nova norma máis relevantes para a profesión. Intervirán o arquitecto municipal do Concello de Santiago, Javier García Castelo; o arquitecto municipal do Concello de Rianxo e presidente da Asociación para Defensa del Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto; e o arquitecto municipal de Ourense, José Antonio Padrón Conde. Tras unha breve exposición de cada uno deles abrirase un debate cos asistentes no que se intercambiarán impresións sobre a nova lei.
O pasado 22 de marzo entrou en vigor a Lei 1/2019 de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, co obxecto de axilizar a tramitación administrativa para a recuperación dos centros históricos e núcleos rurais. A norma ten incidencia directa en dous ámbitos, a rehabilitación de edificios e a rexeneración urbana e, sobre todo, pon o foco na recuperación de edificios que xa non cumpren os requisitos básicos de funcionalidade, seguridade ou habitabilidade e nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) como espazos de intervención en inmobles comunitarios e na urbanización dos seus espazos públicos.
JAVIER GARCÍA CASTELO, ARQUITECTO MUNICIPAL DE SANTIAGO
O arquitecto municipal do Concello de Santiago, Javier García Castelo, considera que esta lei é “imprescindible” para fomentar a sustentabilidade do territorio e ten especial importancia na Comunidade galega “ameazada pola perda de poboación e o abandono de moitas partes do interior”. A pesar desta primeira valoración, García Castelo sinala que a lei conta coa inclusión dunha serie de "Normas de aplicación directa" nas intervencións nos edificios catalogados que prevalecen sobre o que establezan os plans xerais de ordenación municipal e mesmo os plans especiais de protección e os catálogos de protección xa aprobados, e que “son un mecanismo que pode chegar a poñer en perigo o patrimonio cultural”.
O arquitecto móstrase preocupado porque estas normas de aplicación directa tratan de axilizar os trámites administrativos da concesión de licenzas “pola vía de esquivar os informes do organismo autonómico competente en materia de protección do patrimonio”, facendo recaer a responsabilidade da toma de decisión ao respecto nos arquitectos municipais. “O perigo desta lei reside en que, a partires de agora, as licenzas de obras en moitos dos edificios catalogados da nosa comunidade informaranse en base ao criterio particular dos técnicos municipais, cando ata agora existía un único criterio que era o da Dirección Xeral de Patrimonio” –asegura–. E engade que en moitos casos a aplicación dalgunha das determinacións contempladas na normativa sexa “desaconsellable” para a conservación de bens catalogados, xa que a lei está principalmente orientada á flexibilidade da tramitación administrativa, deixando nun segundo plano a protección do patrimonio.
No caso de Santiago de Compostela, García Castelo aclara que se parte cunha certa vantaxe con respecto á maioría dos concellos de Galicia, xa que se ten un Plan Especial de Protección da Cidade Histórica desde 1997 no cal se incorpora un órgano asesor e consultor en materia de protección cultural –Comisión Asesora de Patrimonio Histórico–, no que participan profesionais de diferentes disciplinas e técnicos de outras administracións. “Temos unha experiencia continuada na xestión do patrimonio histórico que espero que nos sirva para aplicar a lei de forma que se acaden os obxectivos de impulsar a rehabilitación e a rexeneración urbanas sen menoscabo da protección dos bens culturais, tanto da cidade histórica como das cinco rutas do Camiño de Santiago que conflúen no noso concello” –indica–.
Aínda con todas as súas observacións, García Castelo desexa que a nova lei sirva para fomentar a cultura e a práctica da rehabilitación e a recuperación do patrimonio construído, especialmente do que leve moito tempo en estado de abandono, pero sen perder os valores culturais que conservan as edificacións catalogadas. Ademais, a nivel práctico o arquitecto do municipio compostelán engade que unhas das mellores aportacións da norma é a xeneralización da figura das oficinas de rehabilitación e a previsión de creación dunha "Rede de oficinas de rehabilitación" que servirán para mellorar a coordinación, a formación e a información relacionada coa materia de rehabilitación.
En relación coa figura das Áreas de rexeneración urbana de interese autonómico (Rexurbe), García Castelo destaca que a lei ten a vantaxe de que para a súa declaración non se limita a considerar a degradación arquitectónica do parque edificado, senón que valora tamén a existencia de situacións demográficas delicadas (despoboamento, envellecemento...) ou a presenza de graves problemas económicos e sociais.