Educación investirá máis de 600.000 euros no CEIP Raíña Fabiola
As actuacións contempladas na rehabilitación integral do CEIP Raíña Fabiola inclúen medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de adxudicar as obras de rehabilitación integral do CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), na que se investirá 625.467,48. As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse os vindeiros días.
As actuacións contempladas na rehabilitación integral do CEIP Raíña Fabiola inclúen medidas para mellorar a súa eficiencia enerxética. Para iso, illarase a fachada do volume principal, aula de música e comedor mediante sistema envolvente SATE, substituiranse as ventás por unhas novas de carpintería de madeira, acabado ao esmalte, e con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse novas luminarias de alta eficiencia enerxética, con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro do 22,3% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 28,1% en emisións de CO2.
Por outra banda, mudarase o acabado da cuberta plana actual do volume principal, por unha de lousa filtrón, mantendo impermeabilización e illamento actual; mentres que no resto de cubertas do edificio principal realizarase un mantemento e reparación da cuberta vexetal existente, así como a retirada da árbore do patio que está danando a fachada.
A maiores, colocarase falso teito acústico de cartón xeso no interior da edificación e paneis de virutas de madeira no patio exterior e zonas porticadas, zonas estas últimas nas que tamén se desenvolverán traballos de pintado e mellora do sistema de drenaxe. Así mesmo, mellorarase a accesibilidade da varanda da escaleira interior, coa colocación dun pasamáns, pulirase o pavimento de terrazo e procurarase unha mellora do sistema de ventilación do centro.