Dúas persoas feridas nun accidente de coche no concello de Pazos de Borbén
Os Bombeiros de Porriño tiveron que excarcerar a unha persoa atrapada nun dos vehículos
Unha saída de vía no concello pontevedrés de Pazos de Borbén deixa feridos aos ocupantes dun vehículo que circulaba pola PO-250, na Ermida, moi preto do edificio do concello. Foi precisa a intervención dos Bombeiros para liberar a un dos ocupantes, tras quedar atrapado no interior do turismo.
Foi un particular quen, a escasos minutos das 17:00 horas de onte, chamou ao 112 Galicia para alertar do suceso, solicitaba asistencia para dúas persoas feridas. Indicaba ademais, que unha delas estaba no interior do vehículo e non sabía se necesitaba axuda para saír. A partir de aí, os xestores do 112 ademais de alertar ao 061-Urxencias Sanitarias tamén informaron aos Bombeiros do Porriño e aos axentes de Tráfico. Así mesmo puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vigo.
Tras liberar a unha das persoas do interior do vehículo, os Bombeiros de Baixo Miño confirmaron o seu traslado polo equipo sanitario ao centro hospitalario de referencia.