A Xerencia Sanitaria de Compostela renovará o equipamento dos centros de saúde por valor de un millón e medio de euros
Adquiriranse máis de 250 terminais de equipamento clínico: electrocardiógrafos, desfibriladores, ecógrafos, holter de presión arterial, espirómetros, retinógrafos ou pulxiosímetros, cun custo de 906.049 euros
Xerencia de Xestión Integrada de Santiago renovará este ano equipamento electromédico e mobiliario sanitario e de oficina en todos os seus centros de saúde por valor de preto de millón e medio de euros (1.423.825 €), dentro das medidas a curto prazo contempladas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 do Servizo Galego de Saúde aprobado o pasado mes de maio.
Así, adquiriranse máis de 260 equipamentos electromédicos: 70 electrocardiógrafos; 45 desfibriladores; 5 ecógrafos; 24 holter de presión arterial, 37 espirómetros, 5 retinógrafos, 71 pulxiosímetros; 6 autoclaves e 1 estetoscopio electrónico, cun orzamento de 906.049 euros. Ademais tamén se incorporará diverso mobiliario sanitario e administrativo, como padiolas, padiolas xinecolóxicas, sillón dental, carros de curas, cadeiras, entre outros, que se veñen sumar a outras compras menores que se realizan de xeito periódico.
Os equipos de electrocardiografía (ECG) estarán dotados cun módulo de integración cos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde, como todo o equipamento electromédico novo, o que permitirá que o especialista poida acceder de forma directa aos datos do electrocardiograma. Este modo de traballo permitirá un diagnóstico máis preciso, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.
Con respecto aos desfibriladores, entre as especificacións técnicas solicitadas destacan que os equipos estean dotados de alta enerxía para a desfibrilación, adquisición de ECG a través de pas e a través de cable de paciente permitindo a súa monitoraxe, rexistro e almacenamento dos sucesos (en modo manual e semiautomático), así como a incorporación de pas externas reutilizables de uso en pacientes adultos e pediátricos.
A renovación dos ecógrafos permitirá a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos que permiten ao profesional de atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.
Nos holter de presión arterial, (sistema de medida, almacenamento e análise da presión arterial de xeito ambulatorio, formado por unha unidade de grabación e software de xestión da información almacenada) se mellora a capacidade da batería, maior tempo de grabación, rango de medición do pulso, entre outros requisitos técnicos, específicamente coas posibilidades de programación do equipo e parámetros mostrados na pantalla, etc.
Os novos espirómetros (proba que avalía a función pulmonar e aporta información da cantidade dos fluxos pulmonares. É unha proba básica no estudo das enfermidades respiratorias) incorporarán características relacionadas con probas de patrón ventilatorio, incorporación de programas de calibración, maior número de parámetros medidos, entre outras melloras nas espeficacións técnicas.
Os retinógrafos (equipos de sobremesa non midriático para a captura de imaxes retinianas sen dilatación pupilar) contan cunha cámara de fondo de ollo dixital de alomenos 3 megapíxeles, permitirá traballar con diámetros mínimos de pupila de 4mm ou inferiores, ou con sistema de edición de imaxe integrado entre outras 20 especificacións mínimas requeridas nos pregos de contratación.
O estetoscopio electrónico permite amplificar os sons ata alcanzar un volume 30 veces maior que o dun estetoscopio acústico. O interruptor do filtro de control permite ao usuario concentrarse nas frecuencias dos ruídos cardíacos ou respiratorios dentro dun rango específico. É de gran utilidade para profesionais sanitarios que o necesiten para algún proxecto de investigación e conta con accesorios como auriculares para un segundo oínte ou cables conectores a un PC para permitir a gravación e para telemedicina.