miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Galicia acada os mellores datos de turismo en tempada media

Galicia acada os mellores datos de turismo en tempada media
Galicia acada os mellores datos de turismo en tempada media

Os datos do INE revelan que está a ser a Comunidade na que máis medra o turismo este ano avanzando na desestacionalización

Galicia pechou maio como a comunidade española na que máis está a medrar o turismo nos primeiros meses do ano, coincidindo coa tempada media-baixa e con cifras nunca antes alcanzadas neste período de tempo. Así o reflicten os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que contabilizan en preto de 1,5 millóns os visitantes que recibiu Galicia nos cinco primeiros meses do ano, a cifra máis elevada da serie histórica neste período do ano.

Os datos constatan que o turismo galego continúa avanzando na boa dirección grazas ao esforzo de todo o sector e ao traballo da Xunta para facer da Comunidade un destino competitivo e desestacionalizado. Así o número de viaxeiros está a medrar en Galicia a un ritmo superior ao 5% -un 1,5% máis que a media española- e tamén están a permanecer cada vez máis noites na nosa Comunidade. De feito, a demanda turística creceu un 7% facendo posible que Galicia rexistrase ata maio o crecemento turístico de maior intensidade de España, seguida por Castela e León e Madrid.

Chegan máis viaxeiros do resto de España, tamén viaxan máis os galegos no seu territorio e cada vez gaña máis peso o mercado internacional. De feito segundo o INE, a cifra de viaxeiros estranxeiros medrou máis dun 10% e a de pernoitas supera o 12%. O turismo internacional representa o 26% do total, un peso que nunca antes acadara o mercado estranxeiro nos primeiros cinco meses do ano e que responde, en boa medida, á estratexia do Goberno galego de internacionalizar a oferta turística da Comunidade. 

Hoteis e pensións foron as modalidades de aloxamento máis habituais para a súa estadía en Galicia. En concreto, o 91% aloxouse neste tipo de establecementos, seguidos polo turismo rural, os apartamentos turísticos e os campings. Todas as modalidades turísticas viron mellorados os seus resultados, con incrementos superiores ao 10% no turismo rural.

As cifras reflexan ademais que os viaxeiros quedan máis tempo en Galicia, xa que a estadía media sobe un 2% en relación ao dato de 2018 colocando a cifra do acumulado a maio na máis elevada dos últimos seis anos.

Máis tempo e máis gasto

Pontevedra foi a provincia galega onde máis medrou o turismo nos primeiros cinco meses do ano ao alcanzar unha suba do 7,6% con respecto a 2018 e un incremento de preto dun 9% no volume de noites. En segundo lugar situouse Lugo, ao rexistrar un 5% máis de viaxeiros que fai un ano, seguida da Coruña, cun alza do 4,5% e Ourense, cun incremento turístico do 1,6% con respecto a fai 12 meses.

Os datos do INE reflexan como ademais de quedar máis tempo, os turistas gastan máis na Comunidade. As tarifas hoteleiras melloraron ata maio un 1,5% e a rendibilidade acadou a cifra máis elevada da década; o que constata a aposta da Xunta por un turismo de calidade.

Comentarios
Lo más