Agustín Hernández propón unha declaración institucional que recolla o acordo asinado co Foro Cívico
Os Populares proporán á consideración do Pleno da Corporación a ratificación, por parte de todas as forzas políticas con representación municipal, do acordo, para que sirva de guía e referente de futuro na acción política que agora se inicia
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, ofreceu onte en rolda de prensa a constitución dun “pacto polas infraestruturas” como xa fixera no inicio do anterior mandato. O Popular destacou que “as grandes obras para Santiago deben quedar fora das liortas políticas, porque ninguén debe esquecer que, sobre todo, somos os representantes dos veciños de Santiago”.
Por isto, Hernández anunciou que no vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará este mesmo mes, o seu grupo presentará unha moción co fin de chegar a un acordo unánime a prol da activación dunha postura en común na defensa dos intereses xerais en materias de importancia capital para Santiago de Compostela.
Para o Popular, o lóxico sería que esta moción se transformase nunha “declaración institucional co acordo de todos os grupos”, posto que os representantes das forzas políticas representadas na Corporación Municipal e o Foro Cívico de Santiago, que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega, acordaran, no inicio da campaña electoral do pasado mes de maio, situar como obxectivos prioritarios deste mandato as seguintes accións:
- A industrialización de Santiago, cunha aposta decidida polo sector industrial, a través do apoio aos incentivos que formulan a Asociación de Empresarios do Tambre; a Cámara de Comercio de Santiago; e a Universidade desde a Mesa Sionlla Biotech Madeira. O obxectivo sería incrementar de forma significativa a porcentaxe do PIB que achega a industria á economía da cidade, para que Santiago e a súa comarca gañen en competitividade, creación de emprego cualificado, fixación de poboación e captación de empresas e investimentos.
- Estación Intermodal, unha infraestrutura vital para garantir a mobilidade, polo que é imprescindible que o Concello manteña o consenso para rematar este proxecto, planificado e orzado, da mellor forma posible para a capital de Galicia, co fin de conseguir unha estación intermodal digna e, sobre todo, eficiente.
- No eido das infraestruturas, buscar o impulso da A-54 e o “Orbitaliño”. O Concello debe demandar ao Ministerio de Fomento a axilización na data de finalización das obras da Autovía Santiago-Lugo (A-54), para que se remate no ano 2021 coincidindo co Xacobeo, xa que é a única que hai desde Santiago de enlace cunha capital galega e a meseta sen peaxe; tamén ten que solicitar a conexión da A-54 coa autovía A-6, para permitir a conexión máis eficaz do Sur de Galicia cara ao Cantábrico, libre de peaxe; e, por último, a conexión da AP-9 e da A-54 coa N-550 e a prolongación ata a estrada de Noia.
- Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Santiago non pode seguir coa situación actual en canto a depuración das súas augas residuais, por iso, é preciso lograr un consenso sobre a mellor solución e que non signifique un gravame significativo para os cidadáns de Santiago e Comarca.
- Reforma e Modernización da Administración Municipal. Hai que afrontar, de forma inmediata, o retraso histórico que o Concello sofre á hora de outorgar licenzas urbanísticas e evitar que a tramitación dos expedientes se demore sen data, unha circunstancia que frea aos investidores e desespera aos particulares e autónomos. Para elo, o Concello adaptará a administración municipal ás necesidades da cidadanía, procedendo á súa reforma, esixencia e modernización, coa implantación da tramitación telemática ou electrónica.
Foro Cívico
Durante a súa intervención Agustín Hernández lembrou que, antes do inicio da campaña para as eleccións locais de maio, todos os candidatos das forzas políticas con representación municipal foron convocados polo Foro Cívico de Santiago, unha plataforma de traballo que reúne a diversas institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega.
O motivo de dita convocatoria non foi outro que a posta en común dun documento consensuado no que se recollían “varios asuntos de capital importancia para a cidade e que son esenciais no presente e o futuro desta e que, ademais, deben quedar fóra da disputa partidaria, xa que transcenden a unha única lexislatura, ao consideralos estratéxicos para a cidade”.
Nesa data, de forma unánime, tanto os representantes das forzas políticas que tiñan daquela representación municipal como o propio Foro Cívico, asinaron un documento, que contemplaba a posibilidade da posterior inclusión doutros grupos políticos que puideran entrar na nova Corporación Municipal despois das eleccións, para apoiar co liderado da persoa que ocupara a Alcaldía unha unidade de acción na defensa ante as administracións publicas competentes dos interese xerais en materia de industrialización, infraestruturas, reforma e modernización da administración municipal.
Co fin de acadar estes propósitos, indicou Hernández, o Grupo Municipal Popular proporá á consideración do Pleno da Corporación a ratificación por parte de todas as forzas políticas con representación municipal daquel acordo, para que sirva de guía e referente de futuro na acción política que agora se inicia.