Os Bolechas chegan hoxe á Casa da Cultura de Boqueixón
A proposta, dirixida a nenos de tres a nove anos, combina teatro e xogos para descubrirlle aos máis cativos o léxico referido ás relacións de parentesco
O Falaredes, o programa de dinamización que impulsa a Xunta de Galicia, chega esta fin de semana a catro localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Os protagonistas das cinco citas serán Os Bolechas e a súa última proposta: Somos unha gran familia. A función na comarca compostelá será en Boqueixón (na Casa da Cultura, ás 18,00 horas).
Os Bolechas somos unha gran familia é unha actividade participativa protagonizada polos irmáns animados máis famosos de Galicia, dirixida a cativos de tres a nove anos e ás súas familias. A través do teatro e do xogo, a rapazada coñecerá o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia.
A proposta ten un compoñente didáctico no que se bota man do tema principal, a familia, para desenvolver diversas cuestións, unhas máis teóricas, como coñecer os parentescos, e outras máis prácticas, relacionadas con xogos populares e de habilidade.
De xeito transversal, como é habitual, tocaranse temas como o traballo en equipo, a colaboración, o fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.