Restriccións de circulación por mor do concerto de Alejandro Sanz
Ante a posibilidade de que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables e chova, recoméndase o uso de chuvasqueiros, pois non se permitirá o acceso ao recinto do concerto con paraugas
Con motivo da celebración do concerto de Alejandro Sanz este sábado 6 de xullo, no Monte do Gozo, produciranse as seguintes modificacións no tráfico:
- Pecharanse á circulación a rúa das Estrelas (dende a rotonda coa rúa de Fernando Casas Novoa), a rúa de San Marcos, a rúa do Gozo, a rúa da Agra dos Campos e a rúa de Senande (dende a rúa de San Martiño ata a rúa de Santa Eulalia de Bando. O corte producirase a partires das 17:00 horas e ata a finalización e desaloxo do concerto sobre as 1:00 horas do domingo 7.
- Permitirase o paso aos clientes do Hotel Los Abetos e de veciños e residentes, que contarán cunha tarxeta acreditativa facilitada pola organización do concerto.
- Os taxis poderán acceder para descargar pasaxeiros/as ata a rúa de Fernando Casas Novoa, confluencia con rúa das Estrelas (rotonda debaixo da SC-20). Tamén poderán acceder pola N-634 e deixar viaxeiros nunha zona habilitada na beiravía desta estrada, entre os accesos por rúa da Agra dos Campos e rúa do Gozo.
- Os vehículos de persoas de mobilidade reducida (PMR) accederán ao concerto pola rúa do Gozo.
Recoméndase na medida do posible empregar o transporte público, reforzado por dous servizos lanzadeira, e evitar o uso do turismo privado. Para facilitar o estacionamento do mesmo reservarase para os asistentes ao evento o aparcadoiro do Estadio de San Lázaro e o estacionamento do Mercado de Amio.
Ante a posibilidade de que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables e chova, recoméndase o uso de chuvasqueiros, pois non se permitirá o acceso ao recinto do concerto con paraugas.
TRANSPORTE URBANO
Lembramos que se habilitarán dous servizos lanzadeira, un dende o centro da cidade e outro dende o recinto feiral de Amio. O servizo funcionará entre as 17:00 e as 21:30 horas (ida) e entre as 23:30 e as 2:30 horas (volta).
A liña especial 1 terá como punto de saída a rúa do Hórreo, no carril bus fronte á estación de ferrocarril. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 23:30 horas será a avenida de Fernando Casas Novoa, confluencia coa SC-20.
A liña especial 2 terá como punto de saída o acceso ao recinto feiral de Amio. O punto de saída dos servizos de volta a partir das 23:30 horas será a rúa de San Lázaro, confluencia coa rúa de Miguel Ferro Caaveiro.
Ademais, os/as asistentes ao concerto dispoñen doutras dúas liñas do transporte urbano, a 6 e a 7, para achegarse ata o Monte do Gozo:
A liña 6 (Os Tilos – San Marcos) realiza paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (zona Costa de San Marcos e Hotel Santiago Apóstol). Nesta liña, as frecuencias serán de 30 minutos o sábado pola tarde, con servizo de reforzo entre as17:00 e as 23:30 horas.
As paradas máis céntricas para o acceso á liña 6 son: (691) rúa do Hórreo (estación de ferrocarril), (276) rúa do Hórreo (Parlamento), (277) rúa do Hórreo nº 23, (228) rúa da Ensinanza e (662) rúa da Virxe da Cerca nº 10. A parada máis próxima á estación de autobuses para acceder á liña 6 é a 533, avenida de Rodríguez de Viguri, estación de autobuses. A parada máis próxima ao estadio de San Lázaro para acceder a esta liña é a 562, rúa de San Lázaro nº 82.
A liña 7 (Valle-Inclán – Aríns), conta tamén con paradas nas inmediacións do complexo do Monte do Gozo (rotonda de Agra dos Campos con rúa das Estrelas). Terá unha frecuencia de 60 minutos o sábado pola tarde. As paradas máis céntricas para acceder á liña 7 son: (637) rúa de Valle-Inclán (dársena de autobuses), (660) rúa de Virxe da Cerca (Praza de Abastos), (247) rúa de Fonte de Santo Antonio nº 3 e (410) praza de Galicia nº 3.
O Concello de Santiago de Compostela prega á cidadanía atenda as indicacións da Policía Local e desculpe as molestias que estas alteracións no tráfico lles poidan ocasionar.