A Audiencia condena a seis anos de cárcere un home que transportou tres quilos de cocaína entre Ribeira e A Coruña
O tribunal indica na sentenza que a droga, comisada en Feáns, tiña unha riqueza do 81,42% e un prezo de venda de 307.500 euros
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a seis anos de prisión e ao pago dunha multa de 307.500 euros a un home que en outubro do ano pasado trasladou tres quilos de cocaína desde Ribeira ata A Coruña, onde o interceptaron. O tribunal indica na sentenza que a droga, comisada en Feáns, tiña unha riqueza do 81,42% e un prezo de venda de 307.500 euros.
Os maxistrados absolveron outro sospeitoso de participar no transporte, pois sosteñen que das declaracións que realizaron os garda civís no xuízo “non se pode deducir que realizase labores de contravixilancia utilizando como vehículo lanzadeira a motocicleta que conducía ese día”.
“Non quedou acreditado que houbese contacto telefónico o día dos feitos durante o traxecto desde Ribeira ata A Coruña entre os dous acusados”, sinala o tribunal, que tamén salienta que tampouco se aprecian “indicios determinantes da conivencia entre os dous coacusados para o transporte da droga”.
A Audiencia tivo en conta á hora de condenar o sospeitoso como autor dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde e de notoria importancia, a atenuante de drogadicción.