Confirman a condena a tres acusados que quixaron matar a unha muller á saída dun pub de Lugo
O TSXG considera acreditado, do mesmo xeito que na sentenza de primeira instancia, que un dos tres procesados lle cravou un coitelo a muller “con ánimo de causarlle a morte”
A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena imposta a tres acusados de tentar matar unha muller e de agredir dous homes con armas brancas no exterior dun pub de Lugo en xullo de 2017. Dous dos sospeitosos foron sentenciados a 16 anos de cárcere; e, o terceiro, a 14 anos de prisión como coautores dun intento de homicidio e como autores de delitos de lesións.
O alto tribunal galego tamén rexeitou o recurso dunha muller á que a Audiencia lle impuxo dous anos de cárcere por agredir, durante a mesma liorta, a un home nun brazo cunha copa de cristal rota. O TSXG considera acreditado, do mesmo xeito que na sentenza de primeira instancia, que un dos tres procesados lle cravou un coitelo a muller “con ánimo de causarlle a morte”.
“O alcance exculpatorio das alegacións, escusas ou coartadas afirmadas polos acusados pertence ao ámbito da valoración da proba que compete en exclusiva ao tribunal que a presenza”, argumentan na resolución os maxistrados da Sala do Civil e Penal, que lembra que ningún dos sospeitosos aduciu “fundadamente” no seu recurso que a Audiencia “non dispuxo de material probatorio susceptíbel de sometelo a valoración, ou que o material probatorio do que dispuxo non era lícito na súa produción e, xa que logo, non válido, ou que os razoamentos a través dos cales alcanzou a súa convicción non eran bastantes para iso desde o punto de vista racional e lóxico”. Polo tanto, rexeitou todas as súas alegacións.